
Somos unha terra habitada de maneira secular na que o entendemento do ser humano co medio foi óptimo, convertendo acentuadas pendentes de solos de xisto e granito nunha paisaxe de interese cultural hoxe candidata a Patrimonio da Humanidade. A nosa paisaxe está delimitada por canóns profundos en cuxas ladeiras practicamos de vello a viticultura en socalcos. Definen as nosas comarcas as serras do Courel e do Faro, rodeadas de castiñeiros e outras especies, sobre todo frondosas que conforman a nosa masa forestal autóctona, das más antigas da Europa continental.
Nos fondos dos vales fluviais temos varias centrais hidroeléctricas que subministran a diferentes puntos da península e de Francia electricidade, e de cuxa riqueza nunca nos beneficiamos a comunidade local, aínda cando milleiros de persoas perderon as súas casas, e todas perdemos as terras máis produtivas da ribeira.
A día de hoxe o maior dos nosos problemas é o demográfico, e transcende a todos os ámbitos e sectores. A falla de oportunidades laborais e o desenvolvemento que nos faltou, nomeadamente no sector primario, teñen feito dunha terra rica en recursos un lugar no que a vida se entoxa difícil pola falta de oportunidades laborais, e polo tanto de vida. A este problema súmaselle o illamento viario, dixital e ferroviario que en pleno século XXI seguimos a padecer quen habitamos o sur de Lugo.
Somos unha terra de xente traballadora, con pequenas propiedades, herdeiras de modos tradicionais de vida e de cultivo que poden atopar encaixe na produción ecolóxica e no turismo sustentable. Sempre producimos e transformamos os nosos recursos e contamos cun tecido moi débil destes sectores, nos que destacan a gandería e a viticultura, pero cuxa transmisión xeracional non está asegurada, de novo polo noso problema demográfico.
Precisamos que Europa e os gobernos de España e Galicia teñan en conta as nosas peculiaridades e nos axuden a conservar este legado, o noso medio e a nosa paisaxe, galega si, pero con valores universais. Queremos seguir habitando a terra que herdamos traballada e produtiva nun contexto no que o turismo sustentable pode supoñer unha oportunidade, alén de reforzar e complementar rendas da man dos sectores primario e secundario.
Só precisamos a conexión co mundo e que nos coñezan, que as novas tecnoloxías nos permitan traballar en rede para visibilizarnos nese turismo 5.0 que axudaría a dignificar as mans das que descendemos con orgullo, e que labraron a terra que aínda hoxe habitamos na Ribeira Sacra e as montañas do Courel. Temos a obriga de definir un modelo que evite a masificación, e que vaia unido aos sectores produtivos. Temos un patrimonio etnográfico e etnolóxico enorme, que debemos conservar. Unha extraordinaria oferta cultural, que complementamos con produtos de proximidade. Temos que asumir a economía circular para lograr un modelo turístico desestacionalizado e sustentable porque é posible, e queremos intentalo.