
O municipio natal da cantante, O Incio, será o convidado na 45 edición
11 mar 2025 . Actualizado a las 18:08 h.A cantante Lucía Pérez, natural do municipio do Incio, será a pregoeira da próxima Feira do Viño de Amandi, que se celebrará en Sober entre o 11 e o 13 de abril. O Incio será ademais o concello invitado nesta edición da feira, que será a número 45.
O alcalde Luis Fernández Guitián sinalou que a elección de Lucía Pérez para desempeñar esta función se debe a que é «unha das artistas máis queridas e recoñecidas da música galega» que se encontra agora «nun momento de madurez artística e cando vén de presentar o seu novo tema Tanto, no que fusiona diferentes influencias culturais».
Esta peza, engaden desde o Concello, «foi composta pola propia Lucía xunto co artista emerxente G-Face e producida por Juan Guevara» e é, nas súas propias palabras, «un antollo galego mexicano, un abrazo entre culturas». A cantante, por outra parte, ten actuado en varias ocasións en Sober, como nas festas da Virxe do Carme, que se celebran en setembro
Lucía Pérez ofrecerá un concerto en Sober o 12 de abril pola tarde e pronunciará o pregón na xornada seguinte ao mediodía. O programa completo da feira darase a coñecer o próximo sábado na capela de Portabrosmos xunto co cartel anunciador —obra de Rubén Lucas García— e as actividades do Mes de Amandi, que precederán o festexto gastronómico.