Óscar Moure, director deportivo do Lemos: «Fixemos un equipo competitivo»

LUIS CONDE MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

CARLOS CORTÉS

O executivo lemista di que o obxectivo é pelexar pola zona noble da clasificación

02 ago 2025 . Actualizado a las 19:26 h.

Este foi o verán máis movido para o Lemos no mercado futbolístico. Sete renovacións e doce fichaxes acometeu a dirección deportiva do club monfortino. E a fronte deste departamento está Óscar Moure, técnico monfortino de 28 anos, que xa dirixiu ao Lemos e ao Escairón. O executivo lemista está satisfeito do traballo realizado, porque o club moveuse moi rápido, o que lle permitiu fichar as primeiras opcións da lista que entregou o adestrador, Edu Rodríguez. Moure admite que só se lles resistiu un dos xogadores que pretendían e que final non fichou.

—Vaia mercado o do Lemos.

—[Sorrí] Sabiamos o que queriamos. O obxectivo era facer un equipo competitivo, e para iso había que moverse rápido no mercado. Fixémolo e o resultado aí está: unha plantilla de 19 futbolistas. Foron 7 renovacións e 12 fichaxes.

—Está pechada a plantilla?

—Para un equipo como o Lemos a plantilla nunca está pechada. A función desta dirección deportiva é estar atenta ao mercado, porque sempre pode haber algunha oportunidade. Estamos pendentes de Nacho Rivero, polo que en función do que pase con el pode haber un último movemento. Pero teño que dicir que temos un Lemos B moi competitivo e un filial interesante, polo que estamos cubertos en caso de necesidade.

—Lograron fichar todos os futbolistas que eran primeiras opcións?

—Estamos contentos co mercado que fixemos. Quizáis se resistiu un, pero só foi ese caso. O resto de fichaxes que acometemos estaban na nosa libreta.

—E quen foi ese futbolista que non chegou?

—Non vou dicir o nome, porque ademais xa fichou por outro equipo.

—Vostedes non teñen o músculo económico doutros clubs, como convencen aos futbolistas para que fichen polo Lemos? Perden diñeiro algúns por vir?

—Tampouco é iso. Aos futbolistas convéncelos co proxecto, que no noso caso é ambicioso, coas instalacións e coa historia. Teño que dicir que hai un equilibrio entre o deportivo e o económico. Estamos contentos.

—Este ano si, verdade?

—Este ano si demos un paso adiante, e a ambición é máxima. Por iso entramos. O Lemos ou daba este paso ou estaba destinado á irrelevancia. Porque estivemos estas campañas salvándonos na última xornada, e iso non o merece un club como o Lemos, nin a súa afección.

—A ninguén se lle escapa que o ascenso ou polo menos loitar por entrar na fase é o obxectivo, verdade?

—Non me gusta facer prognósticos e precipitarme. O noso obxectivo é competir e pelexar por estar na parte alta, é dicir, rematar entre os cinco ou seis primeiros para xogar a fase de ascenso. Pero falar de ascenso directo, iso son palabras maiores. Hai que facer unha tempada de dez. Temos que darnos conta que este plantel hai que compenetralo, e iso leva tempo. Imos pouco a pouco.

—Ousexa que non sería fracaso non estar aí?

—Eu non falaría de fracaso. Paciencia e imos ir paso a paso, partido a partido. Insisto, chegaron doce futbolistas novos e houbo sete renovacións. Todo isto leva tempo ensamblalo. Acabamos de comezar.

—E tamén deron un paso adiante no tocante ao cadro técnico, non si?

—Así é. Se das un paso adiante na confección do plantel e tes un proxecto ambicioso, iso tamén ten que quedar reflectido no corpo técnico. É moi bo e está facendo un gran traballo. Todo isto enmárcase na política que ten a directiva, que non é outra que facer que o club sexa máis profesional. Imos dando pasos, e seguro que continuaremos medrando en todos os estamentos.

Traxectoria. Óscar Moure ten 28 anos, pero leva tres tempadas na Preferente. Estivo como adestrador do Lemos e do Escairón. Esta é a súa primeira experiencia como director deportivo.

Canteira. O executivo do Club Lemos segue en contacto co banquillo, xa que adestra na base do Calasancio. Ata hai poucos meses, Moure aínda seguía demostrando a súa calidade como futbolista. Aínda bota de menos esa etapa.