Volven os festivais de pé e con baile: A Pobra do Brollón celebra As Cores do Outono

La Voz

A POBRA DO BROLLÓN

Fotografía de archivo de una de las últimas convocatorias del festival As Cores do Outono, en A Pobra do Brollón
Fotografía de archivo de una de las últimas convocatorias del festival As Cores do Outono, en A Pobra do Brollón ROI FERNANDEZ

Será o 16 e o 17 de outubro. Haberá unha zona para seguir os concertos sentado e outra para estar de pé

07 oct 2021 . Actualizado a las 13:36 h.

A Pobra do Brollón recupera o festival As Cores do Outono, que o ano pasado non se chegou a celebrar a causa da pandemia. A festa será o 16 e 0 17 de outubro e o programa inclúe conciertos, poesía, baile, teatro e maxia. Por primeira vez desde que comezou a crise sanitaria, o público que asista ao concerto terá permitido estar de pé e tamén bailar, pero nunha zona delimitada na que non se vai poder comer, beber ou fumar. No Concello da Pobra, entidade organizadora do festival, confían en que esta convocatoria sitúe a esta convocatoria como unha referencia folk no outono do sur de Lugo. “Con esta edición especial -declara o alcalde da Pobra do Brollón, José Luis Maceda- queremos recuperar a esencia do festival, máis pegado á terra e tocando máis disciplinas artísticas alén da música, e co primeiro concerto de pé en case dous anos e ademais de xeito gratuíto".

O festival dará comezo o sábado día 16 ás doce do mediodía, coa presentación na Casa da Cultura do novo poemario de Carlos Da Aira, titulado "Punto de Ignición". O autor estará acompañado neste acto pola poeta Olga Novo.

A segunda actividade prevista será un vermú con sesión de música a cargo de Teresa Ferreiro á unha e media da tarde na terraza da cafetería Primeiro de Maio. Teresa Ferreiro é unha DJ procedente de Santiago e coñecida, explican os portavoces do Concello, "polas súas sesións eclécticas e experimentais que mesturan xéneros como cancións de Leilía con tecno."

Ese sábado, pero xa pola tarde, ás cinco e media terá lugar na área recreativa de Samugueiros un obradoiro de baile tradicional a cargo de Montse Rivera, membro fundadora do grupo Leilía. Este obradoiro está indicado para persoas que xa saben bailar un pouco e incluirá puntos recollidos nesta comarca.

Esa mesma tarde, ás sete está prevista unha sesión de maxia co Mago Marco. O espectáculo, para público familir, será na Casa da Cultura.

E como remate do sábado, as portas para os concertos, que serán na área recreativa de Samugueiros, abriranse a partir das oito da tarde. No Concello explican que o cartel deste ano "aposta polo talento e música locais".

O primeiro grupo en actuar será o Combo Guimaralia, formado por intérpretes ben coñecidos na escena na música tradicional que están vencellados á Pobra, como Suso 40, Xián Herrera, Xosé Maceda, Pablo Bernárdez, Pablo Camarero e Óscar Sánchez.

En segundo lugar sairá ao escenario Músicas de Ferreiros, a formación do gaiteiro Javier Franco que recupera pezas da aldea dos avós na Pobra do Brollón deste músico afincado en Madrid. Este concerto será a presentación do proxecto e nel estará acompañado de músicos de ampla traxectoria procedentes de dentro e fóra de Galicia, como por exemplo Luis Caruncho, na zanfona e os brindos; Carlos Quintá, co violín; Patricia Sánchez Seoane, á voz; os guitarristas Javier Vizcaíno e Jesús Parra, e o acordeonista Javier López.

O concerto rematará coa actuación do grupo de música tradicional Os Parentes, de Sober.

En canto á xornada do domingo, está programada una representación teatral dirixida a un público familiar: Duncan de Palleiro, da agrupación Lîlâ Teatro. Está prevista para as seis e media na tarde e será na Casa da Cultura. O domingo ao mediodía celebrarase ademais un vermú poético, con poetas noveis e tamén con outros xa consagrados. Os organizadores prometen ir desvelando nos próximos días máis detalles sobre a identidade destes poetas.

Todas as actividades do Festival Cores do Outono da Pobra do Brollón son gratuítas, aínda que é previso reservar no teléfono 650 624 828, preferiblemente por wasap e facendo constar o nome completo e o número de prazas. A única excepción é a sesión de música de Teresa Ferreiro, para á que é preciso reservar directamente no bar Primeiro de Maio, no teléfono 982 430 134.

O público que asista aos concertos do sábado pola noite na área recreativa de Samugueiros poderán permanecer de pe e incluso bailar, pero só unha área que a organización reservará para ese fin. Dentro desa zona non se poderá consumir nin fumar e será obrigatorio o uso de máscara. Tamén haberá unha área con cadeiras na que o público poderá seguir as actuacións sentado. E por último, haberá tamén un espazo para unha barra. As tres áreas estarán separadas entre si.

No Concello explican que a necesidade de separar os espazo e a obriga de ter os datos dos asistentes fai que a organización do concertos da noite do sábado, e tamén a do resto do festiva, resulte máis complexa do habitual. Por eso, piden aos que estean interesados en asistir que o comuniquen canto antes a través do wasap.