









Una aldea de Carballedo conserva nas súas casas curiosas formas de arquitectura popular
16 feb 2020 . Actualizado a las 18:33 h.Entre as concas dos ríos Búbal e Bubaíño e ao pé da estrada que vai dende Castro a Os Peares por Temes, está a aldea de San Mamede, un lugar que destaca pola calidade das suas construccións de granito.
Din os vellos que nos lugares onde a pedra é moi boa a terra non o é tanto, e que é boa para o pan e pouco máis. Pero no municipio de Carballedo, a aldea de San Mamede presume de ter pedra de calidade e de contar con fértiles hortas. Conserva xunto cos demais lugares da súa parroquia -Faíl, Galegos, Lulás, Veiga e Vilagarcía-, e tamén con outros núcleos das freguesías veciñas de Castro e Santiago de Lousada, unha gran abundancia de exemplos de arquitectura popular da pedra.
A pedra que se ve en San Mamede é un granito que debido ao seu nivel de dureza é doado de traballar e de extraer das canteiras. Tanto é así, que se conta que algúns edificios senlleiros da cidade das Burgas -como o que foi o Hotel Miño, aínda en pé na rúa do Paseo-, foron construídos con granito do lugar da Canteira, en Castro de Carballedo.
O arco de bloques
Pero entre os rechamantes exemplos que amosa a aldea de San Mamede, capital dunha das parroquias que levan o nome de Lousada -pois en Carballedo son dúas con ese nome, Santiago de Lousada e San Mamede de Lousada- está o arco de bloques de pedra que atravesa a vía principal, unha construción que, aproximadamente e segundo a memoria dos máis vellos do lugar e o que teñen escoitado dos seus devanceiros, tería a súa factura no século XVIII, con pedras traídas da zona da estrada que baixa ao río Bubaíño. Este tipo de paso elevado pódese ver outras aldeas, case sempre de madeira e pechados formando espazos en vivendas. O máis parecido da contorna está en nunha aldea de Oseira, pero non ten a magnitude nin a regularidade deste de San Mamede.
O cometido de tal obra era, seguramente, facilitar o paso a unha leira propiedade da casa que quedaba ao mesmo nivel. Co arco podíase levar herba ou o que fose sen ter que baixar e subir outra vez á rúa, que ata non hai moito en inverno estaba chea de bulleiro.
É certo que este paso dálle indentidade á aldea, mais se non o tivese, San Mamede tampouco pasaría desapercibida a quen por aquí se achegase, porque son moitos máis os elementos construídos coa boa pedra desta parte do concello de Carballedo. Ao carón da vía hoxe cementada que atravesa a aldea de arriba a abaixo e das tres praciñas que atravesa, pódese apreciar a magnificencia e calidade das casas e outros elementos que compoñen a identidade deste lugar. Soportes de balconadas que recordan aos maís poderosos pazos de Galicia, dinteis na vella casa da escola, saíntes dos volumes das casas a estreitos calexóns como caprichos dos sólidos muros, rectilíneas ranuras de ventilación delatoras de despensas para curar a matanza, un cruceiro na praziña debaixo da igrexa... Ou a propia igrexa, da mesma calidade constructiva e con panteóns barrocos no seu cemiterio.