Este home de Pantón abriu na Alameda a primeira librería de Chantada
24 mar 2013 . Actualizado a las 07:00 h.No fráxil atardecer de outubro de 1900, dende a casona do século XVI que hoxe é a Casa da Cultura de Chantada, a figura valleinclanesca de Joaquín Lemos albisca dende a privilexiada ventá a praza onde os mercaderes lle ofrecen un espectáculo cheo de luz, cor e sons. Tras ler o artigo «Bonita Feria. Tiros, puñaladas y heridos» na edición nocturna de «La Publicidad» os seus pensamentos recrean o que acontecera no día anterior.
Durante dúas horas, o pobo estivo dividido entre dúas bandas, nun combate con apuñalamentos e disparos no bando do Lemus capitaneado por Baldomero, repartindo terror polas rúas e casas de Chantada coa axuda dos seus corenta secuaces «que descargaron su furia sobre dos viejos, dando a uno una tremenda puñalada y disparando a otro un tiro que le vació un ojo».
O bando contrario buscando vinganza «maltrataron cruelmente a la madre de Baldomero y a otra mujer que vivía con la misma» inician sobre a ponte a batalla final coa Garda Civil, sendo detidos «los cabecillas de ambos bandos, los cuales iban armados de escopetas, palos y revólvers». A osuda man pasea a inexpugnable barba branca e decide ir á Tertulia a tomar un café.
Bigote, traxe e boina
No tempo de peto, o Longines de prata de don Joaquín desliza os segundos e anos rapidamente. Agora en 1912, como presidente dunha nova sociedade cultural, baixa ata a praza do Cantón e exhala unha bocanada de fume con aroma a tabaco. No baixo da Casa de Lemos un labrego discute na tenda da Rogelia por certas discrepancias no abandono dun pago por unhas sementes. A quixotesca sombra deslízase e disólvese entre a multitude.
Dende a empedrada rúa Dous de Maio, o bulicio cóase entre os arcos dos soportais chegando debilmente ata a Alameda. Un home menudo con bigote, traxe e boina baixa coxeando. Na súa man leva multitude de xornais e pendurando no seu peto un feixe de chaves que oscilan co seu andar facendo un característico tintineo. Antes de entrar na súa libraría escoita os bos días do conserxe da Liga de Amigos, levanta a man mentres dous homes a cabalo soben á Praza do Mercado e un labrego cun cesto cheo de cebolas ao lombo vai falando cun neno comendo unha mazá.
O meticuloso Paulino María Mariño López de Pombeiro, veu das terras de Ferreira de Pantón da man de Marcial García Cereijo, o cura do Convento. Xunto a súa muller e coa axuda dos seus fillos Jaime e Margarita -«Margarita dos periódicos»- seguiría coa tradición, ao ter moitos anos un quiosco na Prazuela. Vendía cultura en forma de letras impresas, pero el non lía. No semanario «El Centinela» recomendaba dende literatura piadosa a ofertas editoriais, incluso «La Cultural Española» pertencía as Librarías asociadas depositarias CIAP (Compañía Ibero-Americana de Publicacións), rodeado de libros para vender e nunca ollou páxina escrita. A súa cegueira non foi quen de impedirlle rexentar esta histórica librería.
Os hábiles pasos de Paulino diríxense aos principais puntos estratéxicos da vila: Prazuela e praza do Bon Xesús. Na memoria de quen o escoitou quedou atrapada a súa voz pregoeira coa advertencia preliminar de «Aviso ao público!»: «Véndese polbo fresco superior diante da praza de abastos!», «O que encontrase unha carteira indicaráselle o dono que o gratificará!», «Hoxe ás nove da noite haberá títeres no Cantón. Rógase leven soltos para gratificar aos artistas!».
Coñecida popularmente coma Libraría Paulino Mariño, estaba fronte ao local social da Liga de Amigos. No pequeno local colgaba un curioso cartel: «Prohibido falar de relixión e política». Presidía a estancia un gran mostrador e estanterías ata o teito todo en madeira, das cales formaban vitrina pechada en vidro dúas laterais e unha central.
Os prezos, sempre fixos
Na intimidade dos seus estantes, os libros, coa presión do lomo con lomo mergullaban distintas historias ao exterior, dende o «Directorio de Galicia» e «Almanaques» de Bailly-Baillière y Riera Reunidos, ata a novela «Dulce sueño», da Condesa de Pardo Bazán. Menaxe para escolas, surtido en obras relixiosas e de interese xeral, facilitando toda clase de obras ao contado ou a prazos. Iso si, os prezos son sempre fixos.