Un belén a tamaño natural de vimbios, xestas e xuncos reciclados

Lucía Rey
lucía rey LUGO / LA VOZ

CHANTADA

OSCAR CELA

O espectacular nacemento móstrase no Centro de Artesanía e Deseño

13 dic 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

O pavillón 4 do Centro de Artesanía e Deseño (Centrad), situado na Rúa Chantada, mostrará este Nadal un belén a tamaño natural de vimbios, xestas, xuncos, palla, esparto ou la. O espectacular nacemento é obra de seis alumnos e profesores dos cursos de cestería que organiza a Deputación de Lugo durante o ano no taller do río Rato, e que se animaron a confeccionalo de maneira altruísta no seu tempo libre. Dedicaron as mañás de tres semanas. «É o único belén de cestería a tamaño natural que hai no mundo. Nin os chinos fixeron algo así aínda», bromeaban onte diante da creación. Conchi Rodríguez, Beatriz Valín, Chelo Fernández, Ana Carmen Magdalena, Sagrario Vázquez e Félix Palacios aplicaron diferentes técnicas de cestería en cada unha das pezas. Moitas delas son tradicionais de diferentes zonas de Galicia, pero outras aprendéronas en seminarios celebrados, por exemplo, en Dinamarca, e aos que tivo a oportunidad de acudir algún deles. «Pasámolo moi ben, a verdade é que fixemos un grupo moi divertido», destacou Conchi.

Unha ducia de pezas

A virxe, o neno Xesús, san Xosé, a burra, o boi, unha árbore, a estrela, un anxo..., ao belén non lle falta detalle. Comentan que a do neno foi a figura máis complicada de levar a cabo, especialmente pola «vida propia» que conseguiron darlle. «O ano que vén poderiamos facer os Reis Magos», adiantan. Lamentan que a cestería non teña a valoración que merece. «En moitas exposicións escoitas xente que di: ?Iso tamén o facía eu?. Pero cobrando a hora a 3 euros, as pezas serían invendibles só polo tempo que lles dedicamos», sosteñen.

reportaxe iniciativa voluntaria de seis alumnos e profesores dos cursos de cestería