O Lama das Quendas festexará os seus 50 anos cos alumnos máis destacados

Francisco Albo
francisco albo CHANTADA / LA VOZ

CHANTADA

O instituto Lama das Quendas foi creado en 1970 e acolleu desde entón a uns 4.000 alumnos
O instituto Lama das Quendas foi creado en 1970 e acolleu desde entón a uns 4.000 alumnos GOOGLE MAPS

O instituto chantadino abrirá o luns unha serie de actos que durarán todo o curso

12 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha charla entre o futbolista Roberto Fernández e o xornalista deportivo Mel Otero abrirá o próximo luns un ciclo de actividades coas que o instituto chantadino Lama das Quendas celebrará durante este curso o cincuenta aniversario da súa fundación. O acto celebrarase a partir das 12.00 horas no auditorio municipal e estará aberto a todas as persoas interesadas. Será o primeiro dunha serie de encontros con antigos alumnos do centro educativo que destacaron nos seus respectivos labores profesionais.

Desde a dirección do instituto sinalan que a intención desta iniciativa é poñer de manifesto «como o instituto Lama das Quendas contribuíu a crear pontes entre o rural e o urbano que permitiron que o seu alumnado alcanzase importantes metas». O centro xa conta coa participación doutros antigos alumnos que ao longo do presente ano académico manterán encontros públicos cos actuais estudantes e con outros veciños do municipio. Entre eles estarán o adestrador de fútbol sala Héctor Souto, premiado recentemente polo seu labor profesional en Vietnam; o adegueiro José Luis Méndez Rojo, responsable da adega Vía Romana e director xeral do grupo Vinigalicia; Pilar Rubines, adxunta á dirección da revista ¡Hola!; o músico, artesán e investigador Pablo Carpintero; a cantante e compositora Najla Shami; a xornalista e actriz Victoria Rodríguez; o piloto Alberto Fernández Albilares, asistente de Fernando Alonso, e Keina Raquel Espiñeira, investigadora en xeografía humana, experta en fenómenos migratorios e cineasta.

Anos iniciais

O instituto Lama das Quendas iniciou a súa actividade en novembro de 1970 como o que entón se denominaba unha «extensión», é dicir, un centro educativo dependente doutro. Neste caso dependía do único instituto entón existente en Monforte, o actual Río Cabe. Durante ese período, o director era o mesmo que o do instituto monfortino, que estaba representado en Chantada por Carmen Otero Fernández, profesora de matemáticas xa falecida. O Lama das Quendas comezou a funcionar como centro independente en 1975 e desde ese momento ata 1979 tivo como director a Víctor Aragonés Herrero, profesor de inglés. A partir de entón, o instituto foi dirixido por outras doce persoas. O seu actual nome foi adoptado mentres era director José Segundo Navaza, que ocupou o cargo entre 1996 e o 2000. Anteriormente levara o nome de Instituto de Bacharelato Mixto de Chantada.

Desde a súa creación, polo centro pasaron cerca de 4.000 alumnos, veciños de Chantada, Taboada, Carballedo, O Saviñao e Antas de Ulla.

Na súa primeira época, a dirección do centro educativo dependía de Monforte

«Faremos unha reforma importante para mellorar o aforro enerxético»

Javier Conde Vázquez ingresou no Lama das Quendas como profesor con destino definido no curso 2001-2002 e desde hai trece anos encárgase da sua dirección.

-Cantos alumnos estudan actualmente no instituto?

-Hoxe temos exactamente 275, contando os de bacharelato e os de educación secundaria para adultos. En tempos este número foi moito maior, de catrocentos e mesmo cerca de cincocentos. Nesta estatística non inclúo aos alumnos dunha sección da escola de idiomas de Monforte que funciona no mesmo edificio.

-O centro ten hoxe cubertas as súas principais necesidades?

-Creo que hoxe está perfectamente dotado en canto a infraestruturas e persoal e non hai ningunha necesidade urxente. O instituto pasou por varias reformas e ampliacións desde que foi fundado, e hoxe está formado por tres edificios.

-Ten algún proxecto de mellora para o futuro inmediato?

-Cando termine o curso, en xuño, comezará a executarse unha obra de reforma moi importante que terá por obxectivo mellorar as deficiencias en aforro enerxético do instituto. Os traballos afectarán practicamente á totalidade das instalacións.