Tras as pegadas de Manuel Formoso Lamas polas rúas de Chantada

Francisco Albo
francisco albo CHANTADA / LA VOZ

CHANTADA

Estudantes do instituto Lama das Quendas durante un percorrido polas rúas do casco vello de Chantada
Estudantes do instituto Lama das Quendas durante un percorrido polas rúas do casco vello de Chantada CEDIDA

Organizan rutas didácticas para dar a coñecer a vida e a obra do antigo profesor

30 oct 2025 . Actualizado a las 19:37 h.

Con motivo do 175 aniversario do nacemento do profesor e escritor Manuel Formoso Lamas, o instituto Lama das Quendas organiza esta semana dous percorridos guiados para dar a coñecer aos seus estudantes esta figura e tamén a historia da educación no municipio entre os séculos XIX e XX. A primeira ruta, para os alumnos de primeiro de ESO, desenvolveuse o pasado martes. Hoxe haberá outro percorrido para os de terceiro curso.

Nas rutas participa o profesor Xavier Viana, responsable da recente reedición do libro de Formoso Lamas Apuntes para la historia de Chantada, publicado por primeira vez en 1905. «Tomamos esta figura como pretexto para que os alumnos coñezan mellor a historia das antigas escolas locais», explica a profesora Tania Vázquez, que coordina estas actividades. Os estudantes tiveron así a ocasión de ver o edificio onde estivo a escola na que Formoso Lamas exerceu como mestre durante 26 anos —entre 1874 e 1910—, na rúa que hoxe leva o seu nome. Tamén puideron ver os inmobles que albergaron os antigos colexios públicos para nenos e nenas, en tempos nos que a educación estaba segregada por sexos.

Xunto ao vello cárcere

Todas estas construcións, sinala Tania Vázquez, conserváronse ata a actualidade. «As escolas de nenos e nenas encontrábanse ao principio na mesma zona, na praza do Cantón, pero coincidiu que a de rapaces estaba ao lado do vello cárcere e decidiuse cambiala de sitio para evitar o risco de que os nenos chegasen a escoitar as conversas dos presos», comenta. A escola feminina, engade, estaba enfronte do edificio onde hoxe se prevé habilitar un museo dedicado ao arquitecto e pintor chantadino Manuel Jorge e a masculina, xunto á actual casa consistorial.

Por outro lado, os percorridos educativos pasan por un edificio da praza do Cantón onde se sabe que existiu unha librería rexentada por Paulino Gómez Mariño. A única referencia coñecida acerca deste establecemento é un anuncio que se publicou en 1908 no semanario local Faro-Miño. «Non sabemos nada máis sobre este libreiro nin sobre o seu negocio, pero o feito de que se encontrase na mesma área onde nesa época había dúas escolas fainos pensar que seguramente se dedicaba a vender libros para os alumnos e material escolar», di Vázquez.

Unha actividade pedagóxica inspirada nos percorridos de entre os séculos XIX e XX

As rutas didácticas organizadas polo instituto Lama das Quendas non se dedican unicamente á figura de Manuel Formoso Lamas e á historia local da educación. Os alumnos visitan tamén as casas onde naceron ou viviron os escritores chantadinos Avelino Gómez Ledo, José Costa Figueiras, Ánxel Gómez Montero. y Xavier Costa Clavell. O percorridos inclúen lecturas de textos destes autores.

As actividades comprenden tamén unha visita á rúa que leva o nome do trobador medieval chantadino Xoán de Requeixo e explicacións sobre a súa figura. «Moitos alumnos non saben quen foi Xoán de Requeixo, a pesar de que dá o seu nome a unha rúa, a un colexio e á biblioteca, e pareceunos oportuno divulgar entre eles a súa figura», indica a profesora.

Vida social e cultural

Estes percorridos pedagóxicos, por outro lado, inspíranse nos que organizaba para os seus alumnos o propio Manuel Formoso Lamas, o que na súa época constituía unha novidade no terreo da educación. As rutas prestan tamén atención a diferentes particularidades da vida social e cultural de Chantada nesa época, partindo dos contidos do libro Apuntes para la historia de Chantada.