Os cursos de tecelaxe tradicional consolídanse en Quiroga

Francisco Albo
francisco albo QUIROGA / LA VOZ

FOLGOSO DO COUREL

ALBERTO LÓPEZ

En maio comezará a terceira edición, centrada na recuperación da antiga capa de pastoreo da Serra do Courel

06 abr 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

O que comezou na primavera do 2012 como un experimento para intentar salvar do esquecemento unha importante tradición artesanal da comarca está en vías de consolidarse grazas ao amplo interese que desperta. Por terceiro ano consecutivo, a concellería de Cultura de Quiroga organizará un curso de tecelaxe tradicional aberto a todas as persoas interesadas, coa intención de transmitir e conservar unha antiga técnica en perigo de desaparición. A aula onde se imparten estes cursos é o museo etnográfico municipal, que conserva un dos poucos teares tradicionais completos que quedan na comarca.

Como nas dúas anteriores ocasións, as clases correrán a cargo de Carmen Barreiro Díaz -natural da localidade de Visuña, no municipio do Folgoso do Courel-, unha das poucas persoas que coñecen en profundidade a antiga técnica de tecelaxe e probablemente a única que está hoxe en condicións de impartir cursos, xa que as demais son de idade moi avanzada. O cupo de alumnos está limitado aproximadamente a unhas dezaseis ou dezasete persoas, porque o feito de contar cun só tear e unha única profesora faría moi difícil organizar as quendas se o número fose moito maior.

Os organizadores sinalan que a primeira vez que se convocou un curso non se sabía se habería suficientes persoas interesadas en aprender esta laboriosa técnica como para organizar clases de forma regular. «Pero a resposta foi moi boa e non só houbo xente suficiente, senón que as persoas que participaron pediron que houbese continuidade para poder ampliar os seus coñecementos», engaden os responsables. A experiencia repetiuse no 2013 co mesmo éxito, de maneira que se decidiu continuala tamén este ano. A concellería de Cultura ten agora a intención de seguir promovendo estes cursos nos próximos anos, sempre que haxa demanda e que Carmen Barreiro continúe disposta a impartir clases.

Maior complexidade

Nos cursos poden inscribirse mulleres e homes, pero só na primeira edición houbo un varón matriculado. A maioría das alumnas repiten un ano tras outro e como van adquirindo cada vez máis experiencia, os labores que se desenvolven na aula teñen máis complexidade en cada convocatoria. «O proceso é moi complicado e hai moita diferenza entre urdir para facer camisas e para facer colchas, sabas ou outras pezas», indican os organizadores. Nos dous primeiros anos, as práticas consistiron sobre todo en tecer alfombras e bolsos. Para esta nova edición está previsto fabricar unha capa tradicional de pastoreo da Serra do Courel, unha prenda da que só quedan hoxe uns poucos exemplares en mal estado.