Francisca Abeledo, animadora social: «Comezamos só con xente maior e agora temos actores de entre 11 e 82 anos»

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

MONFORTE DE LEMOS

Francisca Abeledo dirixe desde os seus inicios o grupo Teatreiras
Francisca Abeledo dirixe desde os seus inicios o grupo Teatreiras CEDIDA

Abeledo dirixe en Monforte desde hai 25 anos o grupo afeccionado Teatreiras

16 oct 2025 . Actualizado a las 19:36 h.

A compañía monfortina de teatro afeccionado Teatreiras conmemora o 25 aniversario da súa creación representando o espectáculo Retrincos e cousas de Castelao. A súa directora, a animadora social Francisca Abeledo Serén (Friol, 1963) ocúpase de dirixir o grupo desde os seus inicios. Tamén é responsable en Chantada doutro grupo similar, Argalleiras, que agora cumpre unha década de actividade. «Os nomes das dúas compañías non foron escollidos por min, senón polos seus propios integrantes», aclara.

—Como se fundou esta compañía?

—Ao principio foi unha actividade financiada pola área de Servizos Sociais do Concello de Monforte e estaba dirixida só á xente maior, como unha iniciativa de lecer para fomentar o envellecemento activo e evitar o illamento social. Iniciamos os ensaios a finais de 1999 e a primeira representación ofreceuse no 2000.

Pero máis adiante, cando se acabou a subvención municipal, a xente que formaba parte da compañía decidiu seguir dun xeito máis independente. Constituímonos entón nunha asociación cultural sen ánimo de lucro e ademais, a partir de aí abrímonos a incluír xente de todas as idades e non só aos maiores. Convertémonos nun grupo interxeracional e así seguimos ata hoxe.

—Cantas persoas forman parte hoxe do grupo?

—Agora son catorce actores de entre 11 e 82 anos. Nese abano entra xente de moitas idades diferentes. O número pode variar dun ano para outro, porque houbo momentos nos que había 16 ou 18 integrantes, por exemplo. Pero ademais dos actores, na compañía participan outras persoas, sobre todo familiares, que axudan en moitas cousas, como deseñar os vestiarios, os decorados e os carteis, ou cando hai que trasladarse a outros lugares para ofrecer as representacións.

—Desprázanse con frecuencia a outros sitios?

—Si, porque habitualmente formamos parte do programa da rede de teatro afeccionado da área de Cultura da Deputación e iso permítenos actuar noutras localidades. Esa mobilidade é unha motivación importante para a xente da compañía, porque idear, ensaiar e montar un espectáculo dá moito traballo, e sería unha pena que todo ese esforzo se consumise nunha única representación ofrecida nun só municipio. E tamén colaboramos a miúdo con outras asociacións culturais e con centros educativos.

—Que tipo de pezas representan?

—Iso depende das aptitudes e das opinións da xente que participa cada ano na compañía. Algunhas desas pezas escribinas eu mesma e outras son adaptacións de diferentes obras. Ás veces mesturamos contidos de varias pezas diferentes. A que estamos representando agora baséase en dúas obras de Castelao, aproveitando que se conmemora o 75 aniversario do seu falecemento, e polo tanto foi un tema fácil de escoller. Desde que comezou a actividade da compañía levamos representado 47 pezas, entre obras teatrais e espectáculos de contacontos. Cada ano organizamos un espectáculo distinto e as clases de actuación comezan a impartirse en xaneiro.

—Cales son agora os seus obxectivos?

—A nosa principal finalidade é fomentar o amor polo teatro. Ademais de aprender a actuar, animamos aos integrantes grupo a interesarse polo traballo das compañías profesionais e a asistir ás súas representacións, como as que se ofrecen en Monforte. E a aproveitar oportunidades como o programa da Deputación que ofrece viaxes a prezos moi módicos para asistir a representacións de grupos profesionais en Santiago. Por outro lado, para os rapaces que se integran no grupo é unha oportunidade de relacionarse con outras persoas e de aprender a importancia da cooperación e do traballo en equipo para conseguir un obxectivo común.