Lucía Pérez volve ao San Froilán de Lugo: «Cheguei aos 40 chea de enerxía, estou nun momento pleno»

Laura López LUGO / LA VOZ

O INCIO

Lucía Pérez ofrecerá un concerto nas festas do San Froilán
Lucía Pérez ofrecerá un concerto nas festas do San Froilán PEPA LOSADA

A artista, que leva máis de 20 anos de carreira, ofrecerá un concerto este sábado na Praza de Santa María, antes de partir cara a Santiago de Chile

01 oct 2025 . Actualizado a las 12:28 h.

Lucía Pérez (Goó, O Incio, 1985), leva máis de vinte anos de carreira artística no mundo da música. Lonxe de acusar o cansazo da intensa actividade creativa das últimas décadas, e cos 40 acabados de cumprir, Lucía Pérez atópase con máis enerxía ca nunca: «Cheguei aos 40 chea de enerxía, nada de crises, estou nun momento pleno da miña vida», afirma cargada de vitalidade e optimismo. Con esa mesma ilusión prepara o seu concerto deste sábado, día 4, nas festas do San Froilán, sete anos despois da súa última actuación nestes grandes festexos do outono galego. Farao, como a última vez, sobre o escenario da Praza de Santa María, onde comezará o espectáculo ás 21.00 horas.

—Como será este concerto?

—Vai ser un concerto único, xa que estou nun momento moi bo, tanto na miña carreira musical coma persoal. Estarei con sete musicazos, ademais dunha rapaza na danza, para que sexa un espectáculo bonito para a escoita, pero tamén para a vista. Entre eles, estará tamén meu irmán, Vizcaíno, que leva toda esta xira comigo e aí estaremos, vibrando xuntos. Interpretarei o meu repertorio dos últimos vinte anos e tamén cancións tradicionais galegas. Sairán, ademais, os últimos singles, como ese recente Tanto [publicado este ano, composto xunto a G-Face, fusionando influencias galegas e mexicanas] e todo un himno como é o Cabaliño de Lugo. Xa tiña moitas ganas de volver ao San Froilán e, especialmente, a Santa María, un escenario que me encanta. Estou moi agradecida á miña xente, por poder volver estar en Lugo, onde sempre sentín o cariño do público, con maiúsculas. Espero que este sábado veña tamén moita xente, que verá a unha Lucía renovada, pero coa mesma esencia.

—Que tal está sendo a acollida destes últimos temas?

—Moi positiva. Son cancións moi enérxicas e moi rítmicas, que funcionan moi ben.

—Cales son os próximos concertos que ten programados?

—Pois pecharemos a xira deste verán en Santiago de Chile o 22 de novembro. Alí estarei, cantando en galego en Chile, un país ao que lle teño especial cariño desde que no 2006 participara no Festival Viña del Mar.

—Para cando novo disco?

—Esperemos que para comezos de ano. A pesar de que semella que os discos están un pouco en extinción, eu seguireinos publicando.