Conta atrás para celebrar o folión de fachas de Vilelos

Natalia Díaz MONFORTE/LA VOZ.

O SAVIÑAO

15 sep 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O vindeiro 24 de setembro, O Saviñao ten unha cita co folión de fachas de San Martiño de Vilelos. A queima de fachas, o principal reclamo da festa, terá lugar na cima do castro da Besta, e comezará á medianoite. Á volta do percorrido acenderanse as fachas máis longas, que arderán ao tempo que se desenvolverá unha gran queimada e as actuacións musicais, xa que ademais das actividades tradicionais, a queima estará acompañada dos concertos a cargo dos grupos Os Estoupacaldeiros e Os Festicultores Troupe.

O folión de fachas de Vilelos ten moitos anos de antigüedade, e ao igual que outras celebracións tradicionais da zona, os seus organizadores non poden determinar dende cando se vén celebrando, xa que segundo indican os seus organizadores, «faise dende tempos inmemoriais».

A queima das fachas desperta un gran interese cultural por tratarse dun dos poucos sitios de Galicia onde se conserva este tipo de festexos, un ritual de lume e música que en tempos se empregaba para anunciar o comezo das festas da parroquia.

Recollida dos agucios

A queima de fachas de Vilelos está organizada pola asociación de veciños San Martiño de Vilelos, cuxos membros xa comezaron a traballar na recollida dos agucios, o arbusto que se emprega na elaboración das fachas. Segundo indicaron dende o colectivo, neste proceso tamén están a participar os rapaces de Vilelos, «co fin de que vaian tomando contacto coa tradición».

Unha vez teñan todo o material recollido, procederán a elaborar as fachas, que deberán ser o máis grande posbile «posto que elas son as que deciden cando remata a troula, xa que mentres hai lume, hai festa», apuntan dende a organización do festexo. Estes fachos estarán acompañados por outros máis pequenos que son os que se suben á cima do castro da Besta, dende o cal se avisa ás parroquias limítrofes de que Vilelos está en festas.