
A actuación terá lugar no auditorio municipal o próximo día 19
14 ene 2025 . Actualizado a las 19:22 h.O auditorio municipal de Quiroga acollerá este domingo un concerto do gaiteiro e flautista pontevedrés Óscar Ibáñez, que actuará xunto co seu grupo Tribo. A actuación, organizada polo Concello co apoio da Xunta, conenzará ás 18.00 horas e a entrada será gratuíta.
A actuación forma parte dunha xira, denominada «Tribal XX», coa que Óscar Ibáñez celebra os vinte anos da súa traxectoria musical. O espectáculo, segundo indican desde o Concello de Quioroga, « combina novas creacións con algúns dos temas máis destacados dos seus traballos discográficos nunha espectacular viaxe sonora cheo de orixinalidade, imaxinación e creatividade, no que predomina a sonoridade celta».
O grupo que acompaña ao músico está formado polo acordeonista Suso Iglesias, a violinista Paula Gómez, o baixista Paco Dicente, o percusionista Leandro Deltell, a zanfonista Teresa Gómez, a xilofonista Carla Villanueva e o intérprete de buzuki Xosé Líz, así como por seis integrantes da banda de gaitas Suevia, de Porto do Son.