O Concello organizará entre marzo e maio un ciclo de actividades con motivo do Día Internacional da Muller
05 mar 2024 . Actualizado a las 17:45 h.«Redes lilas. Feminismo desde o pobo e para o pobo» é o lema dun programa de actividades organizado polos Concello de Sober con motivo do Día da Muller que se desenvolverá entre marzo e maio. A campaña foi deseñada polas traballadoras sociais municipais Ana de la Torre e Patricia González e, segundo explican desde o Concello, o seu obxectivo é crear un espazo de mulleres no cal se leve a cabo de forma conxunta a reflexión e a reivindicación, executando actividades que fomenten o espertar, favorecendo así a loita feminista e a consecución dunha igualdade real entre homes e mulleres».
O programa constará de seis sesións nas que se poderá participar de forma gratuíta. A iniciativa non está reservada a mulleres domiciliadas en Sober, xa que poderán participar tamén persoas residentes noutros municipios. Para asistir a estas actividades é preciso apuntarse chamando ao teléfono 628 055 236 —de luns a venres, de 9.00 a 14.00 horas— o ben mediante unha mensaxe de guasap a calquera hora. Estas son as actividades do programa:
8 de marzo. Na primeira xornada presentarase o proxecto ás participantes e haberá unha sesión de meditación, autoescoita e ioga a cargo de May Baker.
26 de marzo. A actividade, baixo o lema «Deconstruíndo para respirar», centrarase na reflexión sobre os papeis tradicionais da muller, como as tarefas domésticas e o coidado do fogar.
9 de abril. «Sober non esquece» é o lema desta xornada, na que se abordará a violencia sexista, especialmente a que se exerce actualmente a través das novas tecnoloxías.
23 de abril. Para este día está prevista unha xornada de manualidades na que se decorarán mochilas de tipo «tote bag» con frases sobre a igualdade.
4 de maio. Esta xornada servirá como preparación para a seguinte e comprenderá unha andaina, unha reunión e unha comida nun miradoiro.
25 de maio. O ciclo terminará coa actividade «Conquistando a rúa», na que as participantes elaborarán un mural baixo a dirección da artista Lucía López.