No Nadal de Sober manda a música

Carlos Cortés
Carlos Cortés MONFORTE / LA VOZ

SOBER

Dous nacementos artesanais. Estes dous nacementos son xa un símbolo do Nadal en Sober. Á esquerda o elaborado por Ruperto Álvarez, o carpinteiro de Vilaescura falecido no 2022 aos 101 anos que deixou máis de cen pezas de madeira para un belén moi particular. E á dereita, as pezas tamén de madeira, pero a tamaño natural, modeladas pola motoserra de Eugenio Linares. Van estar expostos a partir do día 12 e durante todas estas fechas, o primeiro no centro sociocultural e o segundo fronte a Casa do Concello
Dous nacementos artesanais. Estes dous nacementos son xa un símbolo do Nadal en Sober. Á esquerda o elaborado por Ruperto Álvarez, o carpinteiro de Vilaescura falecido no 2022 aos 101 anos que deixou máis de cen pezas de madeira para un belén moi particular. E á dereita, as pezas tamén de madeira, pero a tamaño natural, modeladas pola motoserra de Eugenio Linares. Van estar expostos a partir do día 12 e durante todas estas fechas, o primeiro no centro sociocultural e o segundo fronte a Casa do Concello CARLOS CORTÉS

Esta localidade acenderá este venres o alumeado festivo

09 dic 2025 . Actualizado a las 19:22 h.

O Concello de Sober xa puxo en marcha a súa programación de Nadal, que se desenvolverá ata o 5 de xaneiro, día da chegada dos Reis Magos. A música será unha das protagonistas dun calendario que tamén inclúe os tradicionais certames de teatro infantil e para adultos, mercados e a inauguración do alumeado e dos beléns. O peso da música non é raro nun municipio de tradición musical como Sober.

O programa arrancou o pasado luns coa presentación do poemario do xornalista local José Vicente Barcia e continuou este sábado co mercado de Nadal organizado pola Asociación Veciñal de Bolmente.

O venres 12 de decembro terá lugar o acendido do alumeado especial de Nadal e dos beléns do concello. Os veciños poderán contemplar dous nacementos singulares: o clásico belén con pezas de madeira feitas polo falecido Ruperto Álvarez, que estará instalado no centro sociocultural. E o rechamante belén de tamaño natural con pezas de madeira creadas por Eugenio Linares, que se colocará diante da Casa do Concello.

Música, humor e Papá Noel

A música cobrará especial protagonismo a partir do sábado 13, coa celebración da Festa de Santa Lucía en Rosende, e o domingo 14 co Festival de Nadal da Escola Municipal de Música de Sober. A tradición e o humor tamén terán o seu espazo. O grupo O Trícole ofrecerá un concerto de panxoliñas o 26 en Bolmente e o seu espectáculo Os folieiros de lavadores o 28 no centro sociocultural.

Papá Noel terá un encontro cos nenos e nenas de Sober o venres 19, mentres que o humor para adultos chegará o sábado 21 da man de Sergio Alba e o seu monólogo Dous rombos. Pasa para a cama!.

A semana entre Santo Estevo e Fin de Ano estarán cargadas de actividades familiares. O luns 29 celebrarase unha festa infantil de nadal no pavillón do colexio Virxe do Carme. Ao día seguinte, o martes 30, o grupo O Trícole cantará os reis no centro sociocultural. Este acto servirá tamén para entregar os premios dos certames municipais de poesía, postais, beléns e decoración de locais comerciais.

Xa no 2026, o venres 2 de xaneiro, os músicos do Trícole tocará panxoliñas na residencia de maiores e nas aldeas de Canaval e Rosende.

Remate coa visita real

A programación pechará, como marca a tradición, coa esperada visita dos Reis Magos de Oriente o luns 5 de xaneiro, que achegarán os seus agasallos a toda a poboación.