Roi Rigueira, deportista, concelleiro e escritor: «De rapaz percorrín en bicicleta todas as aldeas do municipio de Taboada»

Francisco Albo
francisco albo CHANTADA / LA VOZ

TABOADA

Roi Rigueira durante un dos percorridos por lugares pouco visitados do municipio de Taboada que realizou para escribir o seu libro
Roi Rigueira durante un dos percorridos por lugares pouco visitados do municipio de Taboada que realizou para escribir o seu libro CEDIDA

O futbolista e político debuta como autor cunha guía sobre o patrimonio do seu concello

18 ene 2023 . Actualizado a las 11:08 h.

Roi Rigueira Agromartín (Taboada, 1986) é coñecido nos ámbitos do deporte e da política por ser porteiro do equipo de fútbol do seu concello e portavoz municipal do grupo socialista. Agora dáse a coñecer tamén como escritor co libro Taboada. Guía dos seus elementos máis sobranceiros, que acaba de publicar a editorial Hércules. A obra será presentada o próximo día 28 —ás 20.30 horas— nun acto público que se celebrará no salón de actos do antigo cuartel.

—Como xurdiu a idea de escribir este libro?

—Animeime a escribilo para que haxa polo menos unha guía do patrimonio de Taboada, porque ata agora non había ningunha. Hai libros que falan de Taboada e a súa historia desde distintos puntos de vista, pero nunca se publicara unha guía práctica para coñecer o seu patrimonio histórico e os seus lugares de interese. O proxecto naceu en certo modo dunha serie de notas que fun publicando na miña conta de Facebook. Houbo xente que me suxeriu reunir estes materiais nun libro e así foi como me decidín a facelo.

—De onde lle vén este interese polo patrimonio local?

—Vénme de moi novo e xa de rapaz, cando tiña 14 ou 15 anos, decidín percorrer en bicicleta todas as aldeas do meu municipio para coñecelo o mellor posible. Fíxeno en poucos días e despois seguín visitando durante anos todo o territorio municipal. Levaba unha mochila e un caderno e fun anotando todas as cousas que me contaban os veciños. O que se recolle neste libro, polo tanto, é froito dun traballo de anos. Este libro vai asinado por min, pero considéroo como un traballo participativo, porque recolle moitas cousas que me contaron e que me mostraron moitas persoas, algunhas das cales faleceron hai xa bastantes anos. Sen a súa axuda non tería chegado a descubrir moitas cousas. Algúns dos lugares que se describen no libro son sitios moi pouco coñecidos e difíciles de encontrar.

—Cre que Taboada debería ser máis coñecida dentro do ámbito Ribeira Sacra?

—O que se coñece de Taboada son sobre todo as súas igrexas románicas, como as de San Pedro de Bembibre ou San Xulián do Campo, pero no municipio hai moitas máis cousas que merecen ser máis coñecidas. Hai moitas construcións civís de interese, como muíños, hórreos, pontes... E tamén moitos recunchos de gran beleza paisaxística que merecen unha excursión. O libro está ilustrado cunhas 130 fotografías, que na súa maior parte foron tomadas pola miña muller e por min, pero tamén hai algunhas cedidas por outros fotógrafos. Espero que as informacións e as imaxes que contén este traballo axuden a dar a coñecer mellor o municipio e incluso a crear novas rutas turísticas que poidan proporcionar un beneficio aos veciños.

—Que elementos deste patrimonio considera máis interesantes?

—No municipio hai moitos elementos de interese pero, persoalmente, o que máis satisfacción me producíu foi descubrir dúas alvarizas das que moi pouca xente sabe, porque Taboada non é coñecida por este tipo de construcións e porque ademais son apicultor. Unha delas está só a medio quilómetro da capital municipal, pero é difícil dar con ela porque está moi escondida entre a vexetación. Cando se consegue acceder a ela, vese que está moito mellor conservada do que se podía esperar. A outra alvariza está na parroquia de Xián.

—Na súa obra ocúpase só do patrimonio material?

—O libro é sobre todo unha guía do patrimonio material de Taboada, pero tamén lle prestei atención ao patrimonio inmaterial, recollendo unha parte das tradicións orais que coñecín conversando cos veciños. A obra divídese en 27 capítulos, un deles dedicado a cada unha das parroquias do concello, pero tamén ten unha sección de agradecementos na que menciono a todos os informantes que me axudaron a escribilo.

—Despois desta primeira obra, ten previsto escribir máis libros?

—Gustaríame escribir sobre outros aspectos pouco coñecidos do meu municipio e especialmente sobre as antigas industrias locais relacionadas coa auga, como os muíños e as pequenas centrais eléctricas. Nos próximos meses vou estar moi ocupado con outras cousas, pero cando teña máis tempo espero poder preparar e publicar algún outro traballo.