Música medieval nunha igrexa románica de Taboada 

La Voz

TABOADA

O concerto será ofrecido pola cantante Paloma Gutiérrez del Arroyo e o arpista Manuel Vilas
O concerto será ofrecido pola cantante Paloma Gutiérrez del Arroyo e o arpista Manuel Vilas dolores vázquez

O tempo de San Pedro de Bembibre acollerá este domingo un concerto da cantante Paloma Gutiérrez del Arroyo e o arpista Manuel Vilas

22 nov 2024 . Actualizado a las 16:42 h.

A igrexa románica de San Pedro de Bembibre, no municipio de Taboada, acollerá este domingo —a partir das 17.30 horas— o último concerto do ciclo de música medieval «De cantigas e trovas», promovido Vicepresidencia da Deputación de Lugo. O recital, que correrá a cargo da cantante Paloma Gutiérrez del Arroyo e o arpista Manuel Vilas, ofrecerase baixo o lema «A cantiga máis longa» estará centrado na interpretación da peza 115 das Cantigas de Santa María, coñecida como a máis extensa deste cancioneiro de lírica medieval galega atribuído ao rei Afonso X. A actuación complementarase coa proxección do texto da cantiga en galego moderno, adaptada por Henrique Monteagudo.

A interpretación vocal de Paloma Gutiérrez del Arroyo e a instrumental de Manuel Vilas —sinalan desde a Deputación— «adaptan esta peza tan especial a unha audiencia actual, desde a coherencia e o respecto aos manuscritos nos que se conservou» a cantiga. O concelleiro de Cultura de Taboada, Manuel Diéguez, animou aos veciños e visitantes a asistir ao concerto, «que amplía e diversifica a axenda cultural do concello, poñendo en valor un ben patrimonial como a igrexa de Bembibre, un dos mellores expoñentes do patrimonio do románico en Taboada». O vicepresidente do organismo provincial, Efrén Castro, apunta pola súa parte que «ademais de contribuír a visibilidade do patrimonio arquitectónico, este ciclo musical incide no traballo que se ven desenvolvendo para poñer en valor o patrimonio musical que o Centro de Artesanía e Deseño [dependente da Deputación] atesoura en relación coa construción e o estudo dos instrumentos medievais, que supoñen unha oportunidade para o intercambio con outras tradicións musicais europeas». O ciclo de música medieval «De cantigas e trovas» comezou o pasado abril no Centro de Artesanía e Deseño.