Taboada homenaxea á cantareira popular Francisca García, natural do municipio

TABOADA

O único retrato de Francisca García que conseguiu localizar o Concello de Taboada, que celebrará este sábado un acto de homenaxe na súa memoria
O único retrato de Francisca García que conseguiu localizar o Concello de Taboada, que celebrará este sábado un acto de homenaxe na súa memoria CEDIDA

Falecida no 2008, colaborou como informante co grupo musical Fuxan os Ventos

14 may 2025 . Actualizado a las 17:42 h.

O Concello de Taboada súmase ás celebracións do Día das Letras Galegas cunha homenaxe a unha cantareira popular natural do municipio que colaborou no seu día co grupo musical Fuxan os Ventos. Trátase de Francisca García, nada en 1917 e falecida no 2008. Segundo explica o concelleiro de Cultura, Alexandre Varela, era veciña da chamada Casa de Recadeixe, da localidade de Quinzán do Carballo. «Francisca García contactou con Fuxan os Ventos a través de Tereixa Novo, integrante deste grupo, que traballou como profesora neste municipio», sinala.

Francisca García, di así mesmo Varela, colaborou como informante con Tereixa Novo, a quen transmitiu varias pezas musicas tradicionais. Unha delas é o tema Malveliña, que foi incluído no disco de Fuxan os Ventos Na memoria dos tempos. «Deulle a coñecer tamén outras pezas tradicionais que non foron interpretadas polo grupo, pero que quedaron rexistradas», engade. A homenaxe terá lugar ás 18.00 horas do sábado na Casa de Cultura e contará coa participación de Tereixa Novo. «É a primeira vez que as celebracións do Día das Letras Galegas no municipio están directamente relacionadas coa temática da xornada, que neste caso está dedicada cantareiras e á poesía popular oral», di por outro lado Varela.

A continuación detállanse as diferentes actividades previstas para estas xornadas nos demais municipios do sur da provincia:

Monforte

O auditorio do edificio multiusos acollerá este xoves —ás 20.15 horas— a representación da obra teatral Manuela Rey is in da house, do Centro Dramático Galego. Neste mesmo lugar ofrecerase o venres —ás 20.00 horas— a ópera galega A loba branca, de Brais González, nun concerto organizado pola Sociedad Filarmónica de Monforte en colaboración co Concello. Tamén no edificio multiusos celebrarase o sábado —ás 12.00 horas— o Festival das Letras Galegas, no que participarán a asociación Amigos da Pandeireta e a Coral Polifónica do Concello de Monforte. Por outra parte, no Ateneo Casino presentaranse este sábado —ás 19.30 horas— tres libros de poesía galega publicados pola editorial monfortina Peruchela Edicións: A cor do sentimento, de Suso Talento; Verbas do corazón, de Gloria Guerrero, e Epigramas con repasos, de Eliseo Méndez Nieto. No acto participarán os autores destas obras e a editora Rocío Rodríguez. Por outra parte, os próximos días 19 e 20 representaranse no auditorio do multiusos as dúas últimas obras que participan no certame municipal de teatro para centros de ensino. Os premios deste concurso entregaranse o día 26. O día 25, así mesmo, neste mesmo local ofrecerase o espectáculo Fala fala falangueira, a cargo da compañía Matrioshka Teatro e dirixido ao público familiar.

Chantada

A biblioteca pública municipal acollerá este venres —a partir das 18.15 horas— o espectáculo interactivo de contacontos As Josefas, a cargo da compañía Lalá Teatro.

Quiroga

Na Casa de Cultura ofrecerase ás 11.00 horas deste xoves o espectáculo de contacontos 4 monos, interpretado pola compañía Tropa de Trapo. Ás 12.45 horas do sábado, por outro lado, celebrarase na casa consistorial o acto de entrega dos premios do certame de narración e debuxo Letras Galegas, organizado pola biblioteca municipal, que comprenderá unha actuación do grupo de gaitas O Recanto.

Bóveda

Coincidindo co Día das Letras Galegas, este sábado presentarase no centro cultural A Casa da Memoria —na localidade de Xullán— o libro Bóveda, a memoria no lugar, do escritor, fotógrafo e músico Óscar Górriz. Por outro lado, no centro sociocultural celebrarase o domingo —ás 17.30 horas— a presentación do libro infantil Aloia e a súa estraña dor de barriga, da escritora Ruth Froufe Lagoa, natural deste municipio. A obra está ilustrada por Stela Navarro. O acto comprenderá unha sesión de contacontos baseada neste libro.

A Pobra do Brollón

O sábado celebrarase na Casa de Cultura o Festival das Letras, no que actuarán os alumnos da escola municipal de música Samoeiro, que comprende unha formación coral e grupos de pandeireteiras, gaitas e baile. Será a partir das 19.00 horas.

Ribas de Sil

O salón de actos de casa consistorial acollerá o sábado —ás 19.00 horas— a presentación do libro de poesía Vestidos de organdí, de Pura Tejelo, que ten raíces familiares no municipio de Quiroga. A escritora gañou no 2014 o premio de poesía galega Manuel María coa obra Eramos deuses entre a herba seca de agosto. No 2016, o seu poemario A elegancia do século foi distinguido co premio Johán Carballeira. A autora publicou ademais os libros As horas de Hanna e Novembro. No acto participará o profesor, compositor e cantautor quirogués Manuel Crespo. Despois da presentación, o grupo de música tradicional Érbedo, de Sober, percorrerá as rúas da localidade nunha actuación organizada en colaboración co programa Tradigalu, promovido pola Deputación.

Sober

Na biblioteca municipal ofrecerase este venres unha lectura sobre as cantareiras galegas e a poesía popular. A continuación haberá un obradoiro a cargo da narradora oral Antía Vázquez e o músico André Espiñeira. O día 23 ofrecerase unha lectura sobre «Diferentes diferenzas» -ofrecida por Silvia Penide e Emilio Urberuaga-, seguida do obradoiro «Conectando en igualdade sentimos para respectar», a cargo da educadora social Paula Santos. Ambas actividades encádranse no programa Merendas con Contos e desenvolveranse entre as 16.30 e as 19.00 horas