Foi galardoado por un estudo histórico sobre a transición democrática na comarca de Chantada
04 nov 2025 . Actualizado a las 19:40 h.O profesor taboadés Alexandre Varela Rubín foi elixido gañador da 19 edición do certame de investigación Condado de Pallares por un traballo titulado Os anos de transición á democracia na comarca de Chantada (1973-1983). O acto de entrega do premio —dotado con 4.000 euros e o compromiso de publicación da obra— celebrarase o próximo día 28 na Casa de Cultura de Taboada.
O xurado do certame, que adoptou a decisión por unanimidade, resaltou «a calidade e novidade do traballo, que sen dúbida contribuirá a darlle luz a un período fundamental da historia comarcal do condado de Pallares». Así mesmo, mencionou «o enfoque multidisciplinar da investigación, que combina testemuñas documentais, orais e gráficas».
Alexandre Varela é graduado en Historia pola Universidade de Santiago e posúe ademais un máster interuniversitario en historia contemporánea e profesorado. No 2022 recibiu o premio á Calidade Lingüística da USC. Na actualidade traballa como profesor de Xeografía e Historia no ensino secundario. O pasado abril, por outro lado, Varela ingresou como concelleiro do BNG no Concello de Taboada en substitución de Patricia Conde —quen renunciou ao cargo por motivos persoais— e asumiu tamén o cargo de portavoz municipal desta formación.
O certame Condado de Pallares é organizado pola Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares coa colaboración da Secretaría Xeral da Lingua, da Dirección Xeral de Cultura, da Vicepresidencia de Cultura da Deputación lucense, dos concellos de Taboada, Guntín e Chantada, así como de Caixa Rural Galega e dos grupos de desenvolvemento rural Comarca de Lugo e Miño-Ulla.
O xurado desta edición estivo formado por Carlos Baliñas, Gonzalo Fernández —profesores da USC—, Fernando Arribas —investigador do patrimonio etnográfico— e Eduardo Fernández Ares, secretario da asociación organizadora do certame. Os seus integrantes, segundo indican desde esta entidade, expresaron a súa satisfacción polo número e a calidade das obras presentados.
O certame convócase para traballos de investigación relacionados cos municipios de Guntín, Portomarín, Taboada, Chantada e Carballedo, que conformaban o territorio do antigo condado de Pallares.