Taboada terá unha senda peonil de 1.500 metros ata a área deportiva da Medela

La Voz CHANTADA / LA VOZ

TABOADA

O tenente de alcalde, José Portela, e o concelleiro de Deportes, Manuel Diéguez, na estrada de acceso á area de Medela
O tenente de alcalde, José Portela, e o concelleiro de Deportes, Manuel Diéguez, na estrada de acceso á area de Medela CONCELLO DE TABOADA

Será construída con 318 euros achegados pola Deputación

06 dic 2025 . Actualizado a las 05:05 h.

O Concello de Taboada abrirá unha senda para peóns e bicicletas que unirá o núcleo urbano coa área recreativa e deportiva da Medela. O proxecto foi anunciado este venres polo tenente de alcalde, José Portela, e o concelleiro de Deportes, Manuel Diéguez, e terá un orzamento de 318.000 euros achegados pola Deputación de Lugo. No Concello pretenden dar así solución a unha demanda veciñal de case dúas décadas e mellorar a seguridade no acceso ás instalacións.

A ruta, que terá 1,5 quilómetros de lonxitude, discorrerá en paralelo á estrada actual e será un espazo segregado e seguro para peóns e ciclistas. Segundo as características avanzadas este venres, contará cun pavimento específico e bancos en varios puntos do percorrido. O obxectivo principal é facilitar un acceso sen riscos, especialmente para nenos e persoas maiores, que actualmente teñen que utilizar a beiravía da estrada.

O complexo da Medela concentra as principais instalacións deportivas municipais, como o campo de fútbol, piscinas ao aire libre, unha pista de pádel e unha zona de merendas, polo que é unha ruta moi transitada por veciños e veciñas.

Este proxecto de novo sendeiro de 1,5 quilómetros de longo completarase con outras melloras previstas no complexo da Medela, que inclúen a construción dun pequeno graderío cuberto, a instalación dunha cuberta para a pista de pádel e diversas reparacións nas piscinas municipais.

A xunta de goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres o convenio de colaboración que financia a obra, permitindo ao concello avanzar nos procesos de compra ou permuta dos terreos necesarios para despois iniciar a execución.