«No Merlín de Cunqueiro o único real é o culinario»

La Voz I. E. | O VALADOURO

LUGO

Entrevista | Miguel Vila Pernas

14 feb 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

Cuba, onde naceu, e O Valadouro onde se criou, son dous nomes propios na biografía de Miguel Vila, xornalista apaixoado pola música tradicional cubana e a cociña galega que o venres recolle o Premio Nacional de Periodismo Gastronómico Álvaro Cunqueiro, que lle dan polo seu libro A cociña do Merlín . -Xa é o segundo que gaña. -Si, e o ano próximo penso repetir -bromea- co libro que está a punto de saír á rúa en Xerais e titulase A cociña do Antroido e San Xoán . -¿Aprendeu no Merlín? -Cunqueiro ten fama de que inventaba a metade do que escribía e descubrín que no Merlín todo o que conta referido á parte culinaria é real; é moi local, Cunqueiro fala do que comía na súa casa, do que se comía en Mondoñedo polos anos 50. -Déame un prato. -As chanfainas, pasei moitos anos sen comelas e volvín probalas grazas a un carniceiro de Mondoñedo que vende na Ferreira. É unha pena que se perdan estes produtos. -Súas tías, as pisonas de Ferreira, facían as mellores colinetas do mundo. ¿Por iso chama así á súa web? -Foi por sentimentalismo puro e duro. A colineta faise en moitas partes, pero as delas eran de 11, tan boas que moita xente as tiña como produto típico do Valadouro. Cando se xubilou ela deu a receta a moita xente, pero hai truco, a temperatura do forno. Eu iba moitas veces ao Empalme (o sitio onde vivía a tía) a axudarlles por aprender cómo se facían os doces. Cando se xubilou miña tía aínda seguía empeñada en que eu seguira co negocio.