Cuestión de peso

CRISTINA LÓPEZ

LUGO

ASUBÍO | O |

06 mar 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

A CELEBRACIÓN en días pasados da Pasarela Cibeles volveu a sacar á luz o tema da anorexia, pois foron moitas as asociacións que fixeron oír as súas queixas polo feito de que nese escaparate da moda se visen desfilando mulleres excesivamente delgadas. Sen querer entrar en cuestións de gustos ou de preferencias e sen necesidade de somerxerse no mundo da alta costura, hai situacións do día a día que nos fan pensar que estamos a crear patróns moi alonxados da realidade. Se un día calquera saes de compras por Lugo; entras nunha tenda de roupa e despois de pedir unha prenda da talla 42 vés que a dependenta pouco menos que bota as mans á cabeza e che responde que nesa talla non teñen nada, é para pensar que temos sorte de que se creasen tendas de tallas grandes, senón teriamos que ir pola rúa como Deus nos trouxo ao mundo. Por moito que insistan desde todo tipo de frentes en que o importante non é estar máis ou menos gordos, nin ser máis ou menos altos, senón estar a gusto con un mesmo, hai circunstancias que levan a algunhas persoas a sentirse como bichos raros, ademáis de un pouco entrados en carnes. E para experimentar iso non é preciso ver pola televisión ás súper modelos que desfilan en París, Nueva York ou Milán, basta con ver as rapazas que están atendendo ao público en boa parte das tendas de moda en Lugo. Non me gustaría ter que recorrer a esa frase tan tópica e na que non todos cren de que unha imaxe vale máis que mil palabras, pero hai veces nas que a simple visión deses corpos considerados perfectos xa che quita as gañas de volver a poñer un pé nunha tenda na que só contas con roupa de tallas inferiores á 40. Quilos aparte, como diría calquera que non está reñido coa súa báscula, o importante é ter saúde e non privarse de lucir palmito .