Crónica | A escena lucense O Concello programa para o luns unha Mostra de Coreografías Premiadas con catro pezas de nivel, mentres que o festival de clásicos tivo unha media de 600 persoas
06 feb 2007 . Actualizado a las 06:00 h.? Concello de Lugo deu un paso na variedade da oferta cultural da cidade e onte presentou unha Mostra de Coreografías Premiadas, que se celebrará o vindeiro luns ás oito e media do serán. A edila de Cultura, Concepción Burgo; a representante do Igaem, Olga Cristina Ruíz López; e a presidenta da Asociación Galega de Profesionais da Danza, Begoña Acuña, foron as encargadas de presentar a mostra. Os lucenses poderán ver catro coreografías que recibiron destacados premios nos certames nacionais e supoñen un recoñecemento aos novos creadores que apostan pola vangarda e a innovación na danza, sinalaron na presentación. A primeira peza que se poderá ver será Delicias de la civilización , dirixida por Leire Ituarte e premiada no certame de danza de Maspalomas. A segunda obra será La Chaconera , de Selene Muñoz, galardoada como a mellor imaxe escénica no Festival de Danza Española de Madrid. A terceira obra que se poderá ver o luns é a titulada En la cuenca de tus ojos . Esta peza acadou premios no certame internacional de coreografías de Burgos, Nueva York e o cuarto Certame de Creación Coreográfica de Galicia 2006. A última seleccionada para pechar esta mostra será Osario , deseñado por Valeria Alonso e recoñecida co primeiro premio do vinte Certame Coreográfico de Madrid. As entradas para asistir a este espectáculo poderán adquirirse o mércores nas Oficiña de Turismo da praza da Constitución en horario de once a dúas da tarde, e de cinco a sete da tarde. O luns poderanse mercar na taquilla do auditorio dende unha hora antes do comezo. As entradas custan tres euros e non serán numeradas. Balance Por outra parte, Concepción Burgo fixo balance da mostra de teatro clásico que rematou o luns e destacou que houbo unha media de 600 espectadores por función. As obras máis vistas foron Ricardo III , que abriu o festival, e Macbeth , de Sarabela Teatro. A edila de Cultura sinalou que a mostra de teatro está consolidada e que nos vindeiros anos seguirán coa mesma dinámica «de traer a calidade aos escenarios lucenses e a prezos populares».