«O labrego chairego ten comuñón coa beleza natural»

LUGO

PRADERO

Entrevista | Xosé Otero Canto Un novo libro xurdido da ampla canteira literaria da Terra Chá é unha continuación do forte vencello que os escritores desta comarca senten co territorio que os rodea

02 mar 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

O libro, presentado esta semana na Galería Sargadelos de Lugo, é o cuarto da colección As foulas do Rañego, que promove a Fundación Manuel María. Otero Canto, nado hai 56 anos na Ponte de Outeiro (Castro de Rei) e profesor no IES Lucus Augusti de Lugo, debuta na creación poética coa obra, cuxa presentación xuntou máis público do habitual nestes actos. O autor cre que é difícil atopar explicación a esa abundancia de poetas na Terra Chá: «Non sei qué pode ser. Se cadra, ese chan tan estenso ao mellor fai reflexionar á xente. O vento... Ese vento que vén do nordés, do mar, ao mellor ten algo que ver», di. -¿Por que hai tanta presenza da terra nos poetas chairegos? -Penso que hai unha comuñón entre o labrego chairego e a beleza da natureza: os regatos, os ríos, os prados en flor... Todo iso é como unha simbiose en certa maneira, como se o home poeta se mesturase coa natureza. Ao ver ese chan tan estenso, tan inmenso, ves unha beleza de tantas cousas xuntas que tes que ser poeta case como unha obriga. Esa beleza non pode quedar aí: hai que expresala, e velaí unha dificultade, a de expresar unha beleza que xa se expresa por si mesma. -¿Non é difícil a expresión poética de algo cuxa beleza xa se percibe mesmo sen reflectirse na creación literaria? -É unha entelequia. A palabra faise tan pequena... Nese proceso de exteriorización os poetas buscan as palabras que reflictan esa natureza dunha maneira doada, pero é moi difícil. A poesía é emoción, e esa emoción é moi difícil de expresar. -¿Por que fala de salaios no libro? -A chaira xeme, está triste. Deu moito, pero desaparece. A Terra Chá é unha metáfora da Galicia rural. É unha zona desenvolvida en gandería, pero desaparecen moitas cousas: cultura popular, léxico agrario... A poesía é a expresión da imposibilidade.