A feira de artesanía e a malla centran a segunda xornada da Festa Folk no Río de O Corgo

La Voz

LUGO

20 jul 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

A localidade de O Corgo celebra hoxe a segunda xornada da quinta Festa Folk no Río. Ás once da mañá abrirán os postos que toman parte na feira de artesanía e antigüidades, mentres que ás 13.00 horas dará comezo a esperada malla tradicional. Amenizarán a labor as actuacións dos grupos folclóricos A Ruxideira, de As Nogais, e a Asociación Cultural Xistra, de Pedrafita do Cebreiro.

Ás dúas da tarde a xente reunirase nas comidas campestres, que se dispoñerán no entorno do río Chamoso.

Tras unha actividade de xogos populares (desde as 16.00 horas), arrincará a segunda parte da malla. A media tarde haberá unha nova actuación musical, na que intervirán os conxuntos Legua Dereita, de O Corgo; C.C. Cedeira, de Redondela; Palacio do Rei, de Palas de Rei; xunto coa Asociación Folclórica Ribas de Sil, de Páramos do Sil, do Bierzo (León).

O fin de festa chegará a partir das nove da noite co concerto que ofrecerá A Roda. Ademais, durante toda a xornada continuará a acampada libre e haberá servizo de polbo e churrasco.

O festexo está organizado polo Concello do Corgo, coa colaboración da asociación Legua Dereita, Caixa Galicia e a Consellería de Cultura.