Baleira acolleu onte a presentación do primeiro número da revista Marronda . O acto estivo presidido polo máximo representante da Asociación de Amigos Marronda e alcalde da vila, Francisco Acal Eiros e o o coordinador xeral deste proxecto, Cándido Iglesias.
Esta publicación anual e gratuíta ven a consolidar un proxecto que nace hai aproximadamente dous anos da man da Asociación Amigos de Marronda. Entre os seus obxectivos estaban e están os de dar a coñecer Baleira e potenciar a Fraga de Marronda. En palabras de Francisco Acal, estamos ante un «bosque único, que conta con máis de 120 clases de árbores, entre as que destacan as faias». Nas 1200 hectáreas que abarca a fraga tamén se pode atopar unha ampla e variada poboación animal como corzos, xabarís e «ata máis de 40 especies distintas de paxaros». Polo de agora, esta zona forma parte da Rede de Espazos Naturais Protexidos da Unión Europea (Rede Natura 2000).
Socios no exilio
A Asociación está integrada maioritariamente polos veciños do municipio e «por outras moitas persoas vinculadas directa ou indirectamente con Baleira que por cuestións da vida viven fóra da vila, de Galicia ou incluso de España», di o alcalde do concello.
Un destes socios na distancia e ademais, coordinador do proxecto, é o empresario pontevedrés Cándido Iglesias, quen se denomina a si mesmo «embaixador» e recoñece que a revista «é un xeito máis de dar a coñecer a Fraga».
Os primeiros en ler as máis de 100 páxinas da revista Marronda serán os membros da Asociación. Aínda así, todos aquelas persoas que estén interesadas en adquirir un exemplar da revista terán que poñerse en contacto co Concello de Baleira.
Festa por e para a natureza
A primeira das iniciativas que se puxo en marcha para dar a coñecer Baleira e a súa Fraga foi a Festa da Natureza. Na súa primeira edición, en 2007, congregou a máis de 200 persoas. En palabras de Cándido Iglesias é «unha forma de amosar o noso cariño e respecto cara os nosos bosques». Ademais, asegura que «a natureza está enferma» e que son moi poucos os que se deciden a coidala.
Na pasada edición, os asistentes puideron gozar da paisaxe e gastronomía da zona. E, seis socios de Marronda recibiron o título de «socio honorífico» pola súa «incansable» contribución ao proxecto inicial da Asociación.