Técnicos de Medio Ambiente destacan a boa xestión das reservas da biosfera Terras do Miño e Ancares
LUGO
Como moi satisfactoria cualificou o voceiro do grupo provincial socialista, Antonio Gato, a visita que especialistas do Ministerio de Medio Ambiente realizaron esta semana ás reservas da biosfera Terras do Miño e Ancares, xestionadas ambas pola Deputación Provincial.
Segundo Gato, logo de comprobar o estado actual desas dúas reservas da Biosfera, os técnicos puideron extraer unhas conclusións moi positivas, ao tempo que valoraron moi favorablemente os distintos proxectos que se están levando a cabo e que serían perfectamente extrapolables a outros espazos naturais. Para o voceiro do PSOE, esas conclusións dos especialistas serviranlle á Deputación para establecer futuras liñas de actuación e estratexias de desenvolvemento das reservas da biosfera que xestiona.
Entre os proxectos que está a levar a cabo o Inludes en relación coas reservas Terras do Miño e Ancares e que recibiron o aplauso dos especialistas do Ministerio de Medio Ambiente figuran o programa de visitas para nenos ao Centro de Interpretación Terras do Miño, as actividades de educación e divulgación medioambiental e a exposición itinerante que sobre esta reserva, sobre o programa Life-Natureza e sobre o LIC Parga-Ladra-Támoga está a percorrer toda a provincia.
Outro dos aspectos que salientaron os técnicos que participaron nesta visita e que identifica a estas reservas da biosfera fronte a outras é que ambas contan con logotipos propios: un batuxo no caso de Terras do Miño e unha palloza que é a imaxe da dos Ancares.
Ademais de visitar estas reservas da biosfera, os especialistas entrevistáronse con persoal da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, da Xunta de Galicia, do Concello de Lugo, do Seprona, dos municipios e tamén con ecoloxistas ou xornalistas.