Carnavais con moita cultura

LUGO

Os entroidos e Chantada e Brollón protagonizarán o mes próximo un congreso sobre patrimonio inmaterial

10 ene 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Os entroidos tradicionais do sur lucense serán obxecto este ano dunha promoción especial, que incidirá no seu valor cultural e histórico. A asociación cultural Lugopatrimonio, xunto con diversos colectivos da zona, organizará durante os días 22 e 23 de febreiro un congreso sobre os carnavais rurais de Chantada e da Pobra do Brollón que incluirán a participación directa nestes festexos.

En ambos casos, as actividades comezarán ás 9.30 horas na Casa de Cultura de Monforte. O día 22 haberá dúas conferencias sobre o patrimonio inmaterial e as tradicións do entroido, que correrán a cargo, respectivamente, do arqueólogo e historiador Felipe Senén López e do antropólogo Xosé Ramón Mariño Ferro. Posteriormente, os participantes desprazaranse á parroquia chantadina de Santiago de Arriba para tomar parte no entroido ribeirao.

A xornada rematará en Chantada, onde se proxectará un audiovisual e se celebrará unha mesa redonda sobre alternativas práticas para conservar e consolidar esta tradición.

A seguinte xornada, a do 23, estará dedicada ao entroido de Salcedo, na Pobra do Brollón. As conferencias serán pronunciadas polos etnógrafos franceses Yvon Dupuoy e Robert Bosch -que falarán sobre os carnavais pirenaicos protagonizados pola figura do oso, ao igual que o de Salcedo-, o antropólogo Xosé Manuel González Reboredo e Felipe Castro, presidente da asociación veciñal que organiza esta festa. Pola tarde, os participantes no congreso asistirán ao festexo e seguidamente haberá unha proxección de material audiovisual e unha mesa redonda.

Límite de prazas

Os organizadores estableceron un límite de 150 prazas. A inscrición custará cinco euros para os membros das asociacións convocantes e dez para as demais persoas. O prazo para apuntarse estará aberto entre e o 2 e 7 de febreiro para os socios e o 9 e o 14 para os non socios.

As inscricións poderán facerse en Monforte, Chantada, Taboada, A Pobra do Brollón, Lugo e unha localidade da Mariña, en lugares que se indicarán no seu momento. Os locais de Chantada e de Brollón onde se celebrarán as conferencias e debates elixiranse máis adiante, en función do número de persoas inscritas.

Roupas vellas

Para participar nos festexos, os organizadores recomendan vestirse con roupas vellas. Entre finais de agosto e primeiros de setembro está previsto celebrar unhas xornadas similares, dedicadas ás romarías da Cervela -no Incio- e da Hermida -en Quiroga-, así como á queima das fachas de Castelo, en Taboada.

Na organización destes congresos, Lugopatrimonio contará coa colaboración de todos os colectivos veciñais e culturais que manteñen vivos estes festexos e da asociación Amigos do Patrimonio de Lemos.