Erimsa denuncia ao Concello de Cospeito pola concesión dunha explotación mineira

Mayte Corbelle

LUGO

31 may 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

O Concello de Cospeito está enviando estes días cartas informativas a todas as persoas ou colectivos que no seu día asinaron as alegacións en contra das concesións mineiras da Terra Chá. A finalidade é, segundo o alcalde, Armando Castosa, que os interesados «saiban os pasos que se están dando e que actúen en consecuencia». Neste momento a concesionaria da explotación mineira, Erimsa, denunciou ao Concello por entender que, por silencio administrativo, ten concedido o permiso para comezar a súa actividade.

Pola súa banda, o Concello considera que son precisos estudos complementarios para tomar unha decisión. «Nós consideramos que temos que defender a tramitación do expediente, polo que pedimos axuda ao equipo de asesores do servicio xurídico aos concellos da Deputación de Lugo», indicou Castosa. «A empresa considera que o Concello debería darlles licenza directa e nós pensamos que é preciso recadar información doutros organismos ou entidades antes». A empresa puxo a cuestión en mans do xulgado e o Concello decidiu persoarse «para defender as peticións veciñais e o convencemento de que as cousas hai que facelas así».