Lamas, artista e veciño de honra

M.C.

LUGO

A parroquia de Bazar, en Castro de Rei, declarou onte veciño de honra ao artista Anxo Lamas, durante a tradicional xuntanza anual celebrada ao aire libre

06 sep 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Naceu en Bazar e foi á escola parroquial. Con cinco ou seis anos xa facía pitiños de barro para que os cocese a súa nai no forno do pan. Perdeu aos seus pais sendo aínda neno. Estudou no Seminario, despois no instituto, e logo emigrou traballar en Francia. Despois voltou a traballar en Barcelona e recalou finalmente en Galicia, onde aínda traballou algúns anos máis na empresa Corvián, pero abandonou o traballo para dedicarse na súa casa de Bazar ao que sempre le gustou: a arte.

Luis Veiga, en nome da asociación cultural Rey-Stolle de Bazar, describiu con estas longas pinceladas a vida do seu veciño Anxo Lamas, quen foi declarado veciño de honra e recibiu a correspondente placa conmemorativa. Lamas agradeceu cunhas breves palabras emocionadas o cariño da súa parroquia e rematou rápido porque dixo que se desenvolve mellor cos pinceis e as gubias que ante os micrófonos. Este artista, que talla e pinta principalmente sobre madeira e coñeceu a Dalí nos seus tempos mozos, leva vendidas máis de cinco mil pezas por toda Galicia, explicou Luis Veiga. Ao acto asistiu o alcalde de Castro de Rei, Juan José Valiño, e varios membros máis da corporación. Tras a comida tamén houbo baile e entrega de premios aos participantes no torneo anual de tenis. Os vindeiros anos a asociación quizais siga distinguindo a algún personaxe.