Ramón Piñeiro pasou as últimas horas falando de libros e de política

Carlos Vázquez

LUGO

«Ramón nunca dixo que estaba malo para morrer», revela Ángela, a sobriña que o acompañou durante o último mes

06 sep 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

O pasado 27 de agosto cumpríronse 19 anos desde que nos deixou Ramón Piñeiro. A data pasou case que inadvertida agás para a súa familia, quizais porque aínda no aire perdura o rastro do Día das Letras Galegas.

«Ramón nunca dixo que estaba malo para morrer, malia que en maio xa sabía ben o que tiña», revela Ángela López Piñeiro, unha das sobriñas que máis relación mantivo co galeguista e quen, ao lado de Branca -viúva de Fermín Penzol-, Carlos Casares e máis a súa tía Sara Piñeiro, acompañou ao seu tío naqueles seus últimos días.

«Ramón sentíase moi mal fisicamente e por iso se trasladou a Castropol, pois o que máis necesitaba nese momento era a tranquilidade», declara.

Fora o propio médico que o atendía -un sobriño do ilustre Domingo García-Sabell- quen lle aconsellara ese retiro ao outro lado da ría de Ribadeo. «Castropol era un remanso de paz e serenidade. A casa dos Penzol -que Branca vendería despois- era moi acolledora, estaba ben acondicionada, constaba de planta baixa e un piso, e tiña unha terraza moi abrigosa onde o meu tío e Casares departían á hora da merenda».

A oratoria do escritor ourensán -director da editorial Galaxia ata a súa morte, en 2002- entretiña nesta estadía obrigada ao minguado Piñeiro, ata o de aquí un incansable loitador que desta volta xa non podía facer nada para mudar o percorrer dos acontecementos. Sen forzas nin gañas de falar, era Casares quen, valéndose da súa innata ironía, incrustaba comentarios que trataban de animar ao seu amigo.

«Casares adoitaba falar de libros e tamén de política. O que facía o goberno estaba moi presente nas conversas de ámbolos dous», sinala Ángela, non en van é dito por todos que Piñeiro era antes que nada un político. [No primeiro parlamento galego concorreu ás eleccións como independente nas listas do PSdG-PSOE xunto a Carlos Casares, Benxamín Casal e Alfredo Conde].

Isabel, o complemento

«Para min Ramón e a súa muller Isabel -que faleceu un ano antes ca el- foron outros pais máis, co engadido de que lles podías contar todo sabendo que ían ter para ti un bo consello que darche», comenta Ángela, unha impresión compartida polas súas irmás Chicha e Carmen, a quen puiden entrevistar para La Voz de Galicia no pasado mes de maio, co gallo da festividade das Letras Galegas, dedicadas a Ramón Piñeiro.

Carmen afirmaba naquela ocasión que Isabel era o auténtico complemento de Ramón Piñeiro. «El era tímido e ela, en troques, amosábase máis decidida», aseguraba entón. Ningunha das sobriñas esqueceu aínda aqueloutro 17 de maio de 1990, cando o seu tío veu a Lugo visiblemente desmellorado.

«Vímolo tan mal que lle insinuei se non sería bo que fose aconsellarse con outro médico, pero a súa resposta foi: «Quilitona -chamáballe así cariñosamente-, ti queda tranquila que está todo controlado. Doer non me doe nada, o único, que me falta vida».

O intelectual de Láncara non quería preocupar a ninguén e por iso lle restaba importancia ao seu mal. «Pensándoo ben, a súa perda foi moi triste e moi rápida á vez, pero en ningún momento se respiraba esa tristura».