A Cova da Terra e Implicadas no Desenvolvemento presentaron a terceira edición dos clubs de lectura

La Voz

LUGO

27 nov 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

As oenegés A Cova da Terra e Implicadas no Desenvolvemento deron a coñecer onte a terceira edición dos clubs de lectura. A programación inclúe a proposta de catro libros sobre temas sociais e catro datas de reunión para falar e debatir sobre as obras e as problemáticas sociais ás que fan referencia. O primeiro libro escollido é A filla do filósofo , de Elena Poniatowska. O encontro para analizalo terá lugar o 16 de decembro ás 20.00 horas en A Cova da Terra. Participará nel Isidro Novo, tradutor ao galego dun dos relatos incluídos na escolma.

Sete casas en Francia

, de Bernardo Atxaga, centrará o segundo club. O presidente da asociación Equus Zebra, Víctor Omgbá, será o convidado que acuda ao local da rúa Nóreas o 10 de febreiro ás oito, para tratar o colonialismo europeo en África. A violencia de xénero guía A cabeza da medusa , de Marilar Aleixandre, que estará o 14 de abril na librería Trama (ás 20.00 horas). Finalmente, o cuarto libro do club será Como se non existise , de Slavenka Drakulic, relacionado co papel da muller nos conflictos bélicos.