Unha decena de grupos que animan a cantar, a bailar e a facer troula; músicos espontáneos que fan soar os seus instrumentos ou a súa voz en calquera recuncho e varios espazos expositivos con cerámica, esculturas, fotografías e pinturas volverán facer que o Festival de Pardiñas sexa esta fin de semana o punto de encontro de miles de persoas. Para empezar, na noite do sábado disfrutarán das actuacións de dúas formacións galegas, unha alemá e outra madrileña.
Bellón Maceiras Quinteto: Dun acordeonista e un gaiteiro pasaron a ser cinco músicos que tocan sons tradicionais galegos e músicas do mundo.
Äl Jawala: De Friburgo chega este grupo -cuxo nome significa viaxeiros-, como representante da música balcánica e da cultura xitana.
Canteca de Macao: No rastro madrileño xurdiu esta banda mestiza que fusiona con forza a rumba e o ska.
Galegoz: Rock e rap definen a este grupo galego, que combina ritmos varios.
Xa na xornada do domingo, o público poderá disfrutar doutros cinco concertos.
Pelepau: Dez músicos doutras formacións integran este grupo galego de percusión.
Pablo Seoane: O gaiteiro compostelán tocará en Pardiñas.
Xosé Manuel Budiño: Logo de once anos, este gaiteiro volve ao festival para presentar o seu quinto traballo: Volta.
Alalé: Esta banda será a representante neste festival da música tradicional irlandesa.
Güintervan: O grupo pontevedrés de rock e ska será o que peche esta trixésimo primeira edición do festival.
Á marxe destes concertos nocturnos, o festival terá moitas outras cousas das que xa poderán gozar desde a tarde do sábado. Ás 18.00 horas dese día abrirá a mostra de artesáns de instrumentos tradicionais, que conta con pregón e actuacións propias, así como cunha serie de obradoiros. Tamén se poderán ver as exposicións de fotografía, pintura e escultura, e a mostra de artesanía.
Todas estas mostras estarán abertas ao longo da xornada do domingo, día no que haberá ademais demostracións en vivo de cesteiros, zoqueiros e outros artesáns. Xunto cos músicos espontáneos, Pepe Penabade e Cé Orquestra Pantasma axudarán a facer festa entre os asistentes ao festival de Pardiñas, que terá como pregoeiro ao sociólogo chairego Bernardo García Cendán. Tamén se entregarán os premios dos concursos de debuxo, relato e poesía.