Manuel María será lembrado de novo en Outeiro con flores e versos aos seis anos da súa morte

La Voz VILALBA/LA VOZ.

LUGO

05 sep 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Manuel María será homenaxeado esta vindeira semana en Outeiro de Rei. A Irmandade Manuel María e a Asociación Xermolos veñen de deseñar, un ano máis, un programa de actos cos que se lembrará ao poeta no sexto cabodano do seu pasamento.

Como xa ocorreu outras veces, os actos comezarán cun xantar -Restaurante Río Ladra, tres da tarde-. Logo -Penas de Rodas, cinco da tarde- celebrarase un recital no que os versos do poeta se oirán con voces moi variadas, que se poden dividir en dous grupos: un sería o dos que teñen xa canda eles unha traxectoria cultural e social -Xosé Lois García, Xosé Otero Canto, María Xosé Lamas, Marica Campo, David Otero e Xulio Xiz-, e outro, o dos rapaces.

Máis adiante, no cemiterio no que acougan os restos do autor de Terra Chá , terá lugar un acto no que as palabras terán a compaña das flores. Nese acto, previsto para as seis, hanse ler poemas, aínda que os asistentes adoitan tamén acudir con rosas como agasallo.

Os actos, aínda que teñen como escenario o concello onde o poeta naceu e ao que estivo sempre vencellado, posúen asemade un certo carácter itinerante, xa que van percorrendo varios lugares de Outeiro de Rei. A seguinte parada levará aos asistentes ao campo de Santa Isabel, á beira do Miño, onde a xornada se pecha cunha lembranza centrada sobre todo nos trazos máis humanos.

Nese espazo de lecer repítese cada ano o que se vén chamando a «entrega da navalla do Manuel». A expresión enténdese no senso máis literal, pois cada ano unha persoa vencellada co poeta recibe un obxecto como agasallo: este ano entregarase a Avelino Pousa Antelo.

Merenda

Ese acto deixa sitio a outro no que a navalla, como un coitelo, podería usarse con fins completamente pacíficos. Os asistentes comparten pan, queixo e viño nun escenario no que volven aparecer os versos. Alfonso Blanco, coordinador dos actos, explicou esta mesma semana que este ano hanse recitar poemas de Manuel María con acompañamento musical, que poñerán Tino Baz, Mini e Mero, Miro Casabella e Antonio Valcarce. Os que desexen acudir ao xantar poden chamar ao teléfono 646 413 890.