Un cuarto de século escavando o pasado lucense

adolfo de abel vilela Historiador LUGO / LA VOZ

LUGO

13 feb 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

O pasado luns, a asociación cultural Lugopatrimonio organizou unha mesa redonda con motivo dos 25 anos do inicio de escavacións que actualmente son obrigatorias dentro do recinto da Muralla e unha parte do seu contorno, así como en dúas áreas situadas na zona da Piringalla e do Carme.

Ademais dun nutrido grupo de socios da asociación que encheron o salón de actos da Vicerreitoría, entre o público tamén había arqueólogos e concelleiros do PP e do BNG. Foi notable a ausencia de representantes do PSOE, dos promotores e construtores, do comercio e da hostalería da cidade, colectivos aos que lles debería de interesar o tema porque, haberá que repetilo unha vez máis, a arqueoloxía é unha importante base na que se ten que apoiar o turismo.

O ex alcalde Vicente Quiroga Rodríguez recordou que a decisión de construír os aparcadoiros era unha necesidade para a revitalización do comercio e da vida no propio recinto histórico. Recoñeceu que algunhas cousas posiblemente non se fixeron ben pero que grazas a aqueles erros hoxe hai un servizo de Arqueoloxía no Concello e fanse escavacións na cidade. Aínda que el non foi o responsable directo, tamén asumiu a parte que lle correspondía como político na destrución dunha necrópole na Praza da Constitución.

Covadonga Carreño Gascón deu conta do labor desenvolvido polo Concello neste cuarto de século, tanto desde o punto de vista de control, estudo e musealización de restos arqueolóxicos, así como diversos problemas cos que se atopan, e o mesmo fixeron os outros convidados, o arqueólogo Enrique Alcorta Irastorza e a ex concelleira Branca Rodríguez Pazos.

Exposición arqueolóxica

Falouse da primeira exposición arqueolóxica que se abriu no mes de xuño de 1987 no antigo cárcere, lugar escollido a propósito por dous motivos. O primeiro, para dar a coñecer a importancia arquitectónica do edificio que foi o segundo cárcere modelo que se fixo en España; o segundo, por razóns pedagóxicas, era preciso que o público comprendese a importancia das escavacións. Presentáronse os mosaicos de Armañá e tivo máis de quince mil visitas nos catro meses que estivo aberta. Aquela exposición máis completa e mellorada trasladouse á Sala Porta Miñá e alí segue.

O conselleiro de Cultura Alejandrino Fernández Barreiro, que inaugurou a exposición, consignou nos orzamentos da Xunta 50 millóns de pesetas para a rehabilitación do edificio, pero non foi posible porque os alcaldes dos concellos que tiñan participación nel boicotearon sempre esta iniciativa. Agora o Concello de Lugo decidiu a expropiación.

O lugar escollido por Lugopatrimonio para a celebración da mesa redonda non foi casual, senón a propósito.

Un lugar emblemático na arqueoloxía da cidade que estaba en proxecto abrir en xuño do 2009 e que incomprensiblemente está sen rematar a pesar das promesas feitas de que se abriría antes de que rematase o ano 2010. A Universidade conseguiu, non sen dificultade, que a Consellería de Cultura lle autorizase a montar unha exposición con algúns dos materiais atopados nese lugar. Pero non se sabe que pensan facer nos xacementos da Porta Miñá e na contorna.