1A Asociación Santo Grial celebrou onte no Cebreiro a primeira festa «En Memoria da Pataca» para render unha sentida homenaxe «a un produto que di moito da nosa terra», como destacou nun comunicado de prensa o presidente do colectivo, José María Núñez Pérez. «Coa terra identifícase, nace dela, nela críase e axuda a criar dun xeito decisivo ás nosas xentes», engadiu, antes de lembrar que moitas xeracións de galegos conseguiron saír adiante nas épocas de escaseza grazas a este alimento. «Axudou a quitar a fame e hoxe, exterminada aquela, ben contribúe a lograr a fartura case sempre como discreta a fiel acompañante», subliñou. Ducias de persoas participaron neste singular encontro gastronómico, que foi pregoado polo escultor lucense Paco Pestana. Tamén se sumaron os membros da Cohors III Lucensium, que desfilaron polas rúas do Cebreiro vestidos de gala. Mentres tanto, a música galega estivo representada polos integrantes da Banda de Gaitas de Cea, en Ourense, que ofreceron un animado pasarrúas cun repertorio cargado de pezas tradicionais. O pintor Manolo Carreira foi o encargado de elaborar unha pintura dunha suxestiva pataca que serviu de cartel anunciador do certame. Os asistentes saíron encantados da celebración, na que o prato estrela foron as «patacas gobernadas», que se serviron de xeito gratuíto con viño de Amandi. Segundo relataron fontes da agrupación Santo Grial, a receita é ben sinxela de preparar e ademais está baseada exclusivamente en ingredientes propios da terra. Deste xeito, en primeiro lugar hai que colocar os cachelos nunha fonte e a continuación é preciso botarlles un rustrido de graxa de porco, algunhas porretas de cebola, así coma varios anacos de touciño e pemento. O dito: un verdadeiro pracer para a boca.
Calendario 2011 de Pepe Garalva
2O polifacético José García, máis coñecido como Pepe Garalva, acaba de editar o calendario correspondente ao 2011. Nesta ocasión, o almanaque está dedicado á selección española de fútbol, que o 11 de xullo do ano pasado, con Vicente Del Bosque como adestrador, quedou campioa do mundo en Sudáfrica tras impoñerse na final por un gol a cero -marcou Andrés Iniesta- ao combinado de Holanda. Frases como «Aquí lo conseguimos» ou «España ¡Proeza histórica para el recuerdo!» ilustran a publicación en formato de peto, que se completa con pequenas imaxes da Muralla e a Catedral de Lugo ou da praia das Catedrais, en Ribadeo. Por outro lado, o calendario tamén inclúe un pequeno apartado para anotar datas e teléfonos de interese. Garalva, que ademais de publicista foi durante varias décadas o empresario que organizou certames de beleza feminina na provincia de Lugo, animador nos veráns nun cámping situado no concello mariñán de Barreiros e mesmo impulsor dun concurso de castelos de area, ten previsto distribuír o calendario entre amigos e coñecidos.