Coa elección do comité de empresa do departamento territorial da Consellería de Traballo e Benestar, onte remataron as eleccións sindicais entre o persoal laboral e funcionario da Xunta de Galicia en Lugo. Na votación celebrada onte a Confederación Intersindical Galega (CIG) conseguiu sete delegados, un menos obtivo UGT, catro CSIF, tres CC.OO. e un o sindicato independente.
Despois de que máis de 4.000 traballadores exercesen o seu dereito ao voto e elixisen aos seus representantes sindicais nos departamentos de Presidencia, Medio Ambiente, Medio Rural, Cultura, Educación, Mar, Sanidade e Traballo, así como entre os funcionarios, o resultado final reflicte que a CIG é a forza máis votada entre os empregados públicos da Xunta en Lugo, cun 32,63 por cento dos votos.
Resultados
Para a CIG, estes resultados veñen demostrar que o sindicalismo que practican «é o que mellor defende os dereitos laborais dos empregados públicos da Xunta, os servizos públicos e a dignidade da función pública». Así mesmo, consideran que o feito de obter a maior representación anima a este sindicato «a seguir loitando contra o descarado desmantelamento e privatización dos servizos públicos posto en marcha polo actual Goberno da Xunta».