A exposición do Santísimo pode datar de comezos do século XIV

Adolfo de Abel Vilela

LUGO

A orixe non está clara pero hai indicios que apuntan á Idade Media

19 jun 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

O Bispado, a Deputación e o Concello están interesados en relanzar a vertente relixiosa de Lugo como Cidade do Sacramento, para o que a Deputación asinou recentemente un convenio de colaboración co Bispado achegando 64.000 euros destinados a diversas actuacións, como potenciar a festividade do Corpus, restauración dun palio e investigación no arquivo da catedral, entre outras. Por iso quizais conveña achegarnos a algunhas cuestións da historia local relativas ao culto eucarístico na nosa cidade e a importancia que noutras épocas tivo a festividade do Corpus Christi. Hoxe ímonos a referir á posible orixe desa tradición centenaria de ter na catedral exposto o Santísimo de día e de noite durante todo o ano, a excepción do Xoves e Venres Santo.

Lenda e realidade

Na petición de rendas para o alumado do Santísimo aos reis Felipe V e Fernando VI, xustificábase no feito de que na catedral estaba exposto o Santísimo no altar maior, todas as horas do día e da noite, levando este privilexio a unha antigüidade que historicamente non é posible antes que os mouros posuísen a España, é dicir antes do século VIII, aparecendo nalgún escrito o século V, o cal non é posible porque nesa época a Eucaristía non tiña un culto especial, pois se empeza a desenvolver no século XII.

Jaime Delgado Gómez escribiu sobre esta cuestión que en 1212, Odón, bispo de París oficializa algo que xa se facía anteriormente, a elevación da Sacra Forma tras as palabras da consagración, para mostrala aos fieis. Despois introdúcese o costume de expor e adorar o Sacramento sobre o altar fóra da misa.

A reserva da eucaristía que se tiña nas igrexas para os enfermos e moribundos, pasa dun lugar secundario ao altar maior. En 1264 o Papa Urbano IV institúe a festa do Corpus Christi. A primeira procesión co Santísimo celebrouse en Roma en 1279, e en 1395 introduciuse a exposición permanente do Santísimo.

Ao non ter probas concluíntes, poderíase dicir sobre a exposición do Santísimo na catedral de Lugo que é imposible na Alta Idade media, posible no século XIV e segura a partir de 1534, no retablo maior construído por Cornellis de Holanda. Vexamos algúns dos argumentos que se utilizaron para dar carta de natureza ao chamado privilexio.

As herexías do priscilianismo

Prisciliano crese que naceu na provincia romana da Gallaecia, cara ao 340 na contorna dunha familia senatorial e foi decapitado en Tréveris (Civitas Treverorum) no 385. Rexeitaba a unión da Igrexa co Estado e a corrupción e enriquecemento da xerarquía. Diversos concilios condenan as proposicións priscilianistas. Entre as cuestións polémicas da súa doutrina, relacionadas coa eucaristía, están a recepción das especies eucarísticas na igrexa sen consumilas de inmediato; e substituír a consagración con pan e viño por leite e uvas.

Ao principio acusábase a Prisciliano de ter feito a afirmación de que Cristo non tivo verdadeira carne nin foi crucificado na realidade. Despois atribúese ao priscilianismo o feito de converter a súa divindade en carne. A verdade do corpo de Cristo preocupaba no século V, segundo se desprende de dúas cartas de San Agustín.

Na 205 dirixida a Consencio, que dubidaba que o corpo de Cristo tivese, logo da resurrección e glorificación, ósos, sangue e contornos carnais, di que o corpo de Cristo é real e non espiritual, con ósos, carne, podendo verse e palparse, e recorda as palabras que o Salvador dixo aos seus discípulos, que dubidaban da súa resurrección e crían que o único que realmente se podía ver era un espírito.

Os católicos tiveron que insistir en algo que fose a expresión da humanidade e da divindade de Cristo. O corpo de Cristo era a condenación das dúas herexías que existían na Gallaecia no século IV.

Por iso non debe de estrañar que cando se quixo xustificar a orixe da exposición continua do Santísimo na catedral se dixese que proviña das herexías priscilianistas, que negaban a verdadeira existencia de Xesucristo baixo as especies de pan e viño.