Tractores clásicos tirarán das carrozas e os caramelos serán aptos para celíacos
05 ene 2012 . Actualizado a las 06:00 h.Os Reis Magos percorrerán esta tarde as rúas de Lugo en tres carrozas tiradas por tractores antigos, que a Asociación Galega de Amigos da Maquinaria Agrícola Clásica (Agamac) cedeu para a ocasión. A comitiva real sairá ás cinco e media da tarde do parque de Frigsa e contará cun numeroso séquito, composto por máis de 200 figurantes.
Melchor, Gaspar e Baltasar estarán acompañados no seu percorrido polos nenos e nenas que durante todo este Nadal ensaiaron, xunto aos monitores de Palimoco Teatro, os distintos números e espectáculos que representarán ao longo do desfile en talleres organizados polo Concello. Como paxes das súas maxestades de Oriente actuarán os vinte nenos e nenas gañadores do certame literario infantil de cartas aos Reis posto en marcha por primeira vez este ano pola área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua. A función destes pequenos será a de repartir entre o público lambetadas e caramelos, que por primeira vez serán aptos para celíacos.
O percorrido deste ano sofre unha pequena variación con respecto ao de anos anteriores como consecuencia da peonalización da rúa San Marcos. Así, tras saír de Frigsa, percorrerá a rúa Montefaro e a avenida da Coruña ata San Fernando, onde entrará no casco histórico pola Praza de Ferrol e desviarase logo por Bolaño Ribadeneira e Quiroga Ballesteros para confluír de novo na Praza de Santo Domingo e percorrer a rúa da Raíña ata a Casa do Concello, onde recibirán en audiencia aos nenos.
A cabalgata deste ano, que reduciu considerablemente o seu custo, conta coa colaboración económica de Eon. O centro comercial As Termas cedeu unha cuarta carroza e colaboran ademais asociacións e colectivos, como as patinadoras do club Lóstregos e castrexos e romanos do Arde Lucus, que escoltarán ás súas maxestade realizando distintas coreografías.
Organizada pola asociación cultural Aquilino Iglesia Alvariño e pola ANPA do colexio, Muimenta vivirá esta tarde unha gran festa previa á chegada dos Reis Magos. A música non parará de soar desde as cinco da tarde no guateque-karaoke ao que están invitados todos os veciños, que despois poderán degustar o chocolate con churros ao que están invitados por cortesía do Concello de Cospeito.
A partires das nove da noite a Casa da Cultura será escenario da representación teatral de As pantasmas de Scrooge, obra que porán en escena alumnos do CEIP de Muimenta. Con este bo ánimo recibirán todos os alí presentes ás súas maxestades de Oriente, antes de presenciar unha nova función de teatro. Trátase neste caso de Recobrou o sorriso Eleuterio, unha adaptación libre dun grupo de actores e actrices locais.
Desfile por Cospeito
Na Feira do Monte, capitalidade do concello de Cospeito, ao que tamén pertence a localidade de Muimenta, os Reis Magos empezarán o seu percorrido polas rúas ás 17.30 horas. Media hora despois chegarán á Casa da Cultura, onde escoitarán as peticións dos nenos e repartirán agasallos. A asociación de mulleres rurais Cousas Nosas colabora nesta cabalgata organizada polo Concello.
Alumnos convertidos en Magos
Un xeito diferente de celebrar esta xornada tan máxica, sobre todo para os máis pequenos das familias, protagonizarana os alumnos da UNED Sénior, que se converterán por un día en Reis Magos, ataviados coa roupa coa que os obsequiou a empresa Begano. Como bos magos, estes peculiares reis tamén repartirán uns singulares agasallos: as bebidas dadas pola mesma empresa, que acompañarán de caramelos e doces típicos destas datas.
Este reparto non se fará nos lugares habituais, senón que os citados presentes serán entregados ás persoas que asistan ás sete cerimonias relixiosas que se celebran neste Día de Reis en parroquias dos concellos de Xermade, Guitiriz e limítrofes da provincia da Coruña. Empezarán ás 9.45 en Santaballa, ás 10.15 estarán na capela de San Cosme, ás 10.45 pasarán pola parroquia de Santa María do Alto de Xestoso, ás 11.15 estarán en Momán e ás 11.45 en Labrada.
Case tres horas durará a cabalgata desta tarde pola capital chairega. Ademais de saudar e repartir golosinas entre a xente que se vaian atopando polas rúas ao longo do seu percorrido, as súas maxestades de Oriente visitarán aos anciáns do asilo de Vilalba.
Acompañados da Banda de Gaitas Dambara, do concello mariñao de Burela, e da Banda de Música de Vilalba, Melchor, Gaspar e Baltasar e os paxes que os acompañen partirán ás seis da tarde da rúa Castelao, a carón da estación de autobuses, para continuar pola Rúa da Pravia ata chegar á Praza da Constitución, onde estará instalada a carpa e os tronos desde os cales as súas maxestades saudarán ao público asistente, formado maioritariamente por familias e nenos. O rei Melchor dará lectura ao pregón preparado para tan sinalada data e repartiranse caramelos entre a xente congregada na praza.
As carrozas cos Reis Magos retomarán o seu desfile pola rúa da Pravia, desviándose pola rúa Plácido Peña cara ao Hospital Asilo, a onde está previsto que cheguen arredor das oito da noite. No salón deste centro terá lugar o reparto de agasallos. Despois a comitiva dirixirase ao comedor, onde o alcalde de Vilalba, Gerardo Criado, pronunciará unhas palabras de felicitación para os maiores residentes.
En Parga e en Guitiriz
No concello guitiricense terán lugar esta tarde dúas cabalgatas de Reis. Ás catro, a de Parga, con saída do campo da feira. A de Guitiriz sairá ás 17.30 de Ponte Veiga e dirixirase ao pavillón.
A cabalgata de Reis da vila monterrosina partirá ás cinco da tarde de xunto ao bar Alkar. Os Magos dirixiranse cara ao auditorio, onde haberá un belén vivinte. As súas maxestades venerarán ao neno Xesús e escoitarán as peticións que lles fagan os nenos.
En Palas de Rei, o percorrido das maxestades de Oriente polas rúas do concello empezará ás 17.30 e rematará na Praza do Concello, onde se concentrarán os nenos para recibir agasallos.
Na súa visita de hoxe ao municipio de Sarria, os Reis Magos farán unha primeira parada na zona rural, onde a partires das once da mañá percorrerán as aldeas de Vilamaior, Belante, Goián, Céltigos e Ferreiros.
A cabalgata terá lugar pola tarde, con saída ás 17.30 da estación do ferrocarril. A seguinte parada será en Catro Camiños, onde poderán admirar o belén vivinte alí instalado. O desfile continuará por Calvo Sotelo, cruce da Ciguñeira, Benigno Quiroga e remate no pavillón do Chanto, onde grupos de nenos cantarán panxoliñas e os asistentes terán a oportunidade de degustar o tradicional roscón de Reis, acompañado de chocolate.
Asociacións culturais como Meigas e Trasgos e Peleriños colaboran nesta cabalgata, que en caso de choiva celebrará as actividades no pavillón.