Kepa Junkera e Quempallou tocarán xuntos en Pardiñas

cristina lópez LUGO / LA VOZ

LUGO

ZOUMA RECORDS

O grupo polaco Beltaine e os percusionistas Coetus serán outras das estrelas do festival, a celebrar o 4 e 5 de agosto

25 jul 2012 . Actualizado a las 07:01 h.

O deste ano é o mellor cartel das 33 edicións do Festival de Pardiñas. Así o cren moitos dos que xa coñecen a programación, que oficialmente foi presentada onte por varios membros de Xermolos, a asociación cultural que organiza este festival que se celebrará o 4 e o 5 de agosto nesa localidade do concello de Guitiriz.

No que ao apartado musical se refire, Pardiñas contará este ano cunha banda local, Bloquinho de Xermolos; outra da comarca da Chaira, Milesios; e varios artistas e grupos dos que xa son considerados figuras de primeiro nivel, como é o caso de Coetus & Eliseo Parra, o grupo de percusión máis importante da península, formado por 16 membros. Os concertos do sábado completaranse coas actuacións de Kepa Junkera, o gran amigo de Pardiñas, que volve este ano ao festival para presentar novo traballo. Quen tamén interpretará pezas do seu último disco é o grupo Quempallou. Incluso cabe a posibilidade de que toquen xuntos. A xornada sabatina rematará coa actuación doutro grupo galego: Cuchufellos.

A cota internacional deste festival estará representada nesta edición polo grupo polaco Beltaine, que actuará o domingo, xornada na que tamén están previstos os concertos dos galegos Zurrumalla e Chotokoeu.

Artesanía e instrumentos

Pero Pardiñas é moito máis que música. Tantos anos como o festival ten a Mostra de artesanía, na que se darán cita durante toda a fin de semana artesáns que traballan con todo tipo de materiais. Algo máis nova -19 edicións- é a Mostra de instrumentos de música tradicional, definida polo coordinador de Xermolos, Alfonso Blanco Torrado, coma «o corazón do festival». Esta mostra, na que estarán presentes 24 artesáns, conta con programa propio, que inclúe obradoiros, demostracións e actuacións, como as dos grupos Brisas de Tomiño e Leirabuxo. Pero se hai algo que define a esta mostra é a de servir de escenario libre para a actuación espontánea dos músicos, o que a converte nun dos espazos máis percorridos do Festival de Pardiñas.

No capítulo de sorpresas desta edición poderíanse encadrar os dous pregoeiros: Xosé Quintas, un dos máis destacados membros do Movemento Popular da Canción Galega, que pregoará o sábado a feira de instrumentos, e Xosé Lois García, escritor e divulgador da cultura galega en Cataluña, que dará o domingo o pregón da trixésimo terceira edición deste festival.

Pardiñas Rock, o venres

E das sorpresas á novidade, que chegará na noite do venres, coa celebración do Pardiñas Rock, unha cita aberta a outros estilos distintos do folk, que se celebrará nun espazo contiguo, organizado por unha produtora privada, e con entradas que van dos 10 aos 12 euros.

Alfonso Blanco referiuse a esta cita como a festa da aldea de Pardiñas, argumentando a súa negativa a cobrar entrada, como parece que pretenden dende algunhas institucións.