O venres celebrarase en Sober un recital nocturno de música e poesía no canón do Sil

monforte / la voz

LUGO

30 jul 2012 . Actualizado a las 06:55 h.

A asociación cultural O Colado do Vento, do municipio de Sober, organizará o venres un recital nocturno de música, poesía e narración oral que terá por escenario o santuario de Cadeiras, en pleno canón do Sil. É o sexto ano consecutivo que o colectivo leva a cabo esta actividade, que se desenvolve baixo o título de Encontros á Luz da Lúa.

O encontro comezará ás nove da noite e contará coa participación das poetas Olga Novo e Rosa García, o escritor Xosé Lois García, a contacontos Teresa Grau, a rapsoda Carmeliña, os músicos Xosé do Incio, Fernando Estévez, Pucho e Lelo, Sergio e Joel e grupo musical O Trícole. Ao igual que en anteriores edicións, o acto está aberto a todas as persoas interesadas e os asistentes que o desexen tamén poderán ofrecer as súas propias interpretacións como músicos, recitadores ou narradores.

Percorrido pola zona

O programa de actividades comprenderá tamén un breve percorrido pola zona, de forma que as actuacións se ofrecerán en diferentes lugares. O santuario de Cadeiras, ubicado na parroquia de Pinol, encóntrase xunto a un dos máis coñecidos miradoiros da marxe lucense do canón do Sil. Neste mesmo lugar celébrase o 8 de setembro unha das romarías máis populares da comarca de Lemos.