Arrinca mañá pola tarde o programa de actividades da Biblioteca Provincial

LUGO

Haberá obradoiros, exposicións e teatro infantil durante este mes

01 nov 2012 . Actualizado a las 21:36 h.

A Biblioteca Provincial dá comezo hoxe á súa programación cultural para o mes, cunha xornada que comprende un recital de poemas, a presentación da revista Aires Novos, e a animación á lectura Contos da lúa, de Beatriz Iglesias, dirixida a nenos de entre 3 e 12 anos.

Como principal novidade, ao longo do mes desenvolverase un obradoiro de encadernación artesanal no que os participantes elaborarán un libreto con dúas técnicas de impresión, tipografía e pranchas de imprenta, realizado nunha auténtica imprenta de época e rematando cunha sinxela encadernación rústica.

Continúan os recén inaugurados Cafés filosóficos. A sesión que se celebrará o día 21, a partir das seis da tarde, estará dedicada a debater acerca do concepto da felicidade. Polo que respecta á programación infantil, o 9 de novembro Sherarezade Bajardi contará Contos pequenos para orellas grandes, para nenos de entre 3 e 12 anos, e o venres 16 Casahamlet porá en escena a obra Formigas, para todos os públicos. O 23 de novembro haberá un Obradoiro expreso de manga sobre o concepto, deseño e técnicas empregadas nas bandas deseñadas xaponesas, e para rematar, o 30 Fátima Fernández contará a historia de O león solitario. Todas as actividades infantís comezan ás 6 da tarde.

Exposicións

A biblioteca alberga este mes a Exposición fotográfica en lembranza de Toñi e a exposición Viviendas pasivas, do 22 ao 28. Esta mostra está organizada pola plataforma da edificación Passivhaus e recolle os proxectos do primeiro Concurso Iberoamericano Passivhaus ademais de paneis sobre bioconstrución. Igualmente, acolle catro mostras bibliográficas distribuídas polas instalacións: Premios Nadal e Planeta; ¿Que pasa no mundo árabe?; Como explicar lo inexplicable, e As mulleres no cine.