Novo pulo para converter a casa natal de Manuel María en museo dedicado ao poeta

LUGO

FOTO CEDIDA

A Deputación achega 55.000 euros para mobiliario e equipamento

16 may 2013 . Actualizado a las 23:29 h.

A transformación da casa onde naceu Manuel María, en Outeiro de Rei, en museo recibiu hoxe un novo pulo. A Deputación asinou coa Fundación Manuel María un convenio polo que achega 55.000 euros para mobiliario e equipamento dun edificio que poderá inaugurarse en setembro para ese nova función se se cumpren as previsións anunciadas por Mario Outeiro. O responsable de Cultura e Turismo do organismo provincial explicou tamén que na casa se expoñerían uns 12.000 volumes da biblioteca persoal do autor de «Terra Chá».

Nunha visita á casa coa viúva do escritor, Saleta Goy, o representante da Deputación dixo que a apertura das instalacións non só supoñería un novo servizo para o concello de Outeiro de Rei senón que aumentaría as posibilidades turísticas da comarca.

A casa acollerá un amplo fondo artístico, documentos manuscritos de persoeiros da cultura galega (Ramón Otero Pedrayo, Celso Emilio Ferreiro, Francisco Fernández del Riego, Ramón Piñeiro...) cos que Manuel María tivo relación e obxectos persoais do poeta. No edificio, ademais, instalarase un salón de actos con capacidade para unhas 100 persoas.