Días de libros, música, historia e reivindicacións

maría caravel

LUGO

ALBERTO LÓPEZ

28 nov 2013 . Actualizado a las 06:59 h.

A cidade de Lugo viviu onte unha xornada cargada de actos culturais, na que non faltaron os libros, a música, a historia e as reivindicacións. O artista Kepa Junkera presentou na Deputación o seu novo disco Galiza. Nel emprega a trompa de boca, un instrumento galego recuperado polo Centrad.

Por outra banda, onte abriu unha exposición fotográfica no Arquivo Histórico Provincial, Mulleres no século XX. Luces e sombras, que permanecerá aberta ata o 8 de marzo de luns a venres de 8.30 a 20.30 horas.

Ademais, no auditorio da Fundación Novacaixagalicia presentouse o último número da revista de cultura e investigación Lucensia, da biblioteca do Seminario Diocesano.

Outra publicación presentada onte foi a de Manuel Darriba, na libraría Trama, onde falou do seu último libro, O bosque é grande e profundo, editado por Xerais de Galicia. No acto tamén estiveron Xabier Cordal e Fran Alonso.

O historiador Adolfo de Abel Vilela falou onte do bispo frei Pedro López de Aguiar e da cidade de Lugo no século XIV. Fíxoo na Casa do Saber do campus de Lugo, dentro dun ciclo universitario sobre historia.

A parte reivindicativa chegou da man da plataforma Nunca Máis, que convoca unha manifestación en Lugo para este domingo, para protestar contra a sentenza do xuízo do Prestige. Sairán ás 12.00 do Multiusos da Xunta e rematarán ante a Subdelegación do Goberno.