O salón de actos da Casa da Cultura encheuse para a presentación da obra "Cartas a Antón"
10 ene 2014 . Actualizado a las 23:58 h.Da mesma maneira que nos campos de fútbol, ás veces, se poñen bancadas complementarias porque o público desexoso de ver o partido supera a capacidade normal para acoller espectadores, no salón de actos da Casa da Cultura de Vilalba instaláronse esta noite cadeiras que permitisen sentar a algúns. Aínda así, houbo quen quedou de pé. A expectación, ben se nota, era moita, e a causa non estaba nun acontecemento deportivo senón nun acto de homenaxe ao falecido Bernardo García Cendán organizado polo Instituto de Estudos Chairegos (Iescha).
A ampla presenza de público amosou que a lembranza do falecido profesor segue a ser forte na vila onde naceu e pasou parte da súa vida. Ao acto acudiron parentes seus, pero tamén estivo presente unha ampla representación da sociedade vilalbesa e chairega. No acto coincidiron escritores como Xosé Otero Canto, Paulo Naseiro ou Paco Martín; cregos como Uxío García Amor, Antonio Domínguez ou Xosé Manuel Carballo; artistas como Anxo Lamas; concelleiros de Vilalba como Eduardo Vidal (PSOE) ou Félix Jorquera (BNG) e de Castro de Rei como Mario Saavedra (PSOE); docentes como Marisa Barreiro, directora da Escola de Educación Infantil de Vilalba, ou reponsables de colectivos como Carlos García Fraga, presidente da Peña Celtista da vila.
Manuel Castro Santamariña, presidente do Iescha, comentou duranrte a presentación que o acto era, entre outras cousas, una reunión de xente que quixo e quere a Bernardo García Cendán, de quen lembrou os seus coñecidos paseos nocturnos pola vila e as noticias que lle vai enviando polo Facebook o seu amigo Jesús Trastoy, presente no acto, para que non perda contacto coa súa querida Vilalba. O escritor Agustín Fernández Paz lembrou a dimensión de Bernardo García Cendán como home de cultura pero tamén os seus trazos humanos.
O acto serviu tamén para que o protagonista da homenaxe recibise o título de socio de honra do Iescha a título póstumo. Houbo tamén unha parte musical, da que se encargaron Mini e Mero.