O Club Valle-Inclán, Galaxia e o Círculo homenaxearán mañá a Benxamín Casal en Lugo

Lugo / La Voz

LUGO

O acto comezará no Círculo ás oito da tarde

16 ene 2014 . Actualizado a las 22:50 h.

Co lema «A forza da intelixencia», o Club Cultural Valle-Inclán, a Editorial Galaxia e o Círculo das Artes celebrarán un acto en lembranza do intelectual galeguista Benxamín Casal (1935-2013). Dará comezo ás oito da tarde no Círculo das Artes. Abrirano o director xeral de Galaxia, Víctor F. Freixanes; a presidenta do Club Cultural Valle-Inclán, Tonina Gay; Felipe Arias e Jesús López-Domínguez. A continuación intervirán o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero; e o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares Paz. Tamén falarán o alcalde de Lugo, Xosé López Orozco, e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo. Logo tomará a palabra Xulián Parga Rodríguez, amigo persoal de Casal, e unha representación da familia. Nel proxectarase un audiovisual fotográfico, e haberá música coa cantante galego-palestina Najla Shami, entre outros.

Un galeguista histórico

Casal, que falaceu o pasado mes de agosto, foi presidente de Galaxia ata o seu pasamento. A súa traxectoria cultural estivo desde moi cedo vencellada ao galeguismo, e a súa actividade profesional á economía agraria. Licenciado e doutorado en Enxeñería Agrónoma pola Universidade de Madrid, e licenciado en Económicas pola de Santiago, foi, entre outros, profesor nas escolas de enxeñería agrícola de Lugo. No campo político, foi conselleiro de Enerxía e Industria da Xunta preautonómica e deputado no Parlamento de Galicia entre 1981 e 1985 como galeguista histórico polo PSdeG.