«¡Que a Xunta mande xa un equipo de radio para Lugo, que somos moitos enfermos e sostémolo!»

Lucía Rey
lucía rey LUGO / LA VOZ

LUGO

ALBERTO LÓPEZ

Para recibir radioterapia na Coruña sae da casa ás 8 da mañá e volve ás 8 da tarde

20 nov 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

A José Manuel Arias Núñez detectáronlle un tumor na garganta o pasado mes de maio. Desde entón, este albanel lucense de 51 anos, que está no paro, sofre en primeira persoa a chamada «ruta do cancro», pola que cada ano máis de 1.200 lucenses se ven obrigados a «peregrinar» á Coruña para recibir radioterapia, un tratamento do que dependen as súas vidas, e do que o Hospital Universitario Lucus Augusti segue sen dispoñer.

-Os enfermos oncolóxicos da provincia reciben a quimio no HULA, e a radioterapia na Coruña...

-Nós non estamos descontentos do persoal nin dos medios da Coruña, o que pasa é que a viaxe fáisenos moi longa. Por iso queremos dar un apoio á campaña. ¡Que a Xunta nos mande xa un equipo de radioterapia para Lugo, porque somos moitos enfermos e dámolo sostido! Ir tratarse á Coruña está ben se non hai outra forma de facelo, pero tendo un hospital novo non se entende.

-¿Que é o máis duro de ter que tratarse tan lonxe?

-Desde Lugo son douscentos quilómetros diarios, e son moitos días porque pasas mes e medio ou case dous indo alá. Os recorridos para unha persoa enferma chegan... Eu teño que levar 33 sesións e levo xa 18, pero fáltanme 15. Hai veces que non podo andar, non podo coller pesos, coxeo... Hai veces que che dan mareos, vómitos... Estás saíndo da quimio no HULA e xa tes que saír para radio directamente. Para un paciente é fastidiado, e canto máis maior é un é peor. Hai xente que vai comigo que é moi maior e que se atopa moi mal. E máis aínda cando vén de lonxe porque hai cantidade de xente que sae da Fonsagrada, de Sarria, de Cervantes...

-¿Como é un día normal de tratamento?

-Os días que levo quimio e radio levántome ás oito da mañá e non volvo á casa ata as oito da noite. Vou no bus e veño chegando ao HULA sobre as nove. Alí facemos consulta de oncoloxía e logo prepárannos a medicación. Esperamos a que nola fagan e póñennos a quimio as horas que necesite cada paciente. Enchúfannos á máquina. Cando acabamos, como vimos rematando sobre as tres, se nos dá tempo de comer comemos, pero se non nos dá pasamos directamente á ambulancia, e para Coruña sen comer. É unha hora de viaxe para alá e outra para acá. Alí estamos o tempo que nos manda o médico, sobre un cuarto de hora, e volta para Lugo despois de esperar a que acaben todos os que vamos na ambulancia. E se cadra non acabamos ata as seis e media ou as sete da tarde.

-¿Como valora a campaña cidadá que reclama servizos para o HULA e levou unha ILP ao Parlamento?

-Valóroa moi ben xa non só por min, senón pola xente maior. Eu son máis novo e hai veces que ir na ambulancia me chega moitísimo..., para canto máis unha persoa maior. Non se entende que despois de ter un hospital novo, dos mellores de Europa, os enfermos de Lugo teñamos que ir levar o tratamento á Coruña. Porque hoxe, por desgraza, hai moita xente nova e nenos con cancro.

Valo levando o mellor que se pode, pero é duro. Na quimio temos unhas salas preciosas para levalas e un persoal magnífico, pero o efecto é fastidiado... E se enriba logo temos que ir á Coruña chegamos dobremente cansados.

josé manuel arias lucense con cancro