Outro ano para Díaz Castro

Xosé María Palacios Muruais
xosé maría palacios LUGO / LA VOZ

LUGO

SUSO PENA

Guitiriz mantén os proxectos que tentan espallar a vida e a obra do poeta

12 ene 2015 . Actualizado a las 04:58 h.

O 2015 tamén vai ser un ano dedicado a Xosé María Díaz Castro (1914-1990). No recén rematado 2014 non faltaron homenaxes e lembranzas a un poeta que cunha soa obra escrita en vida, Nimbos, deixou na poesía galega unha pegada aínda ben visible. A coincidencia do centenario do nacemento coa da súa figura como protagonista do Día das Letras Galegas fixo que os actos oficiais e protocolarios se sucedesen en Guitiriz, concello onde o poeta naceu, viviu parte da xuventude e os derradeiros anos e está enterrado. De todos os xeitos, aínda quedan obxectivos pendentes para facer máis forte a presenza dun poeta que Guitiriz sente como propio, como se viu no 2014.

Xa dende o ano pasado, a Asociación Cultural Xermolos está a traballar para que a casa natal do escritor -situada no barrio do Vilariño, na parroquia dos Vilares- se converta nun espazo dedicado a actividades vencelladas con Díaz Castro e coa súa obra. No 2014 falouse do mal estado de conservación do edificio e da ameaza de caída dalgunha das súas partes, pero o colectivo xa comezou as xestións para que se poida rehabilitar.

A casa, con baixo e un andar, leva décadas deshabitada. Aínda que o abandono se nota mesmo nunha ollada dende o exterior, semella que algúns mobles poderían chegar a conservarse nunha iniciativa na que se pensa manter algunha das salas tal como estaban hai décadas, nos anos mozos do poeta.

O edificio pertence a Xermolos porque llo deixou, en disposición testamentaria, Serafín Díaz Castro, irmán do poeta falecido na pasada década. Xa houbo contactos coa Xunta, coa Deputación e co Concello de Guitiriz; pero mentres non estea rematado o proxecto, non haberá compromisos concretos sobre fondos que se poderían achegar.

De todos os xeitos, a presenza de Díaz Castro neste 2015 tamén se agarda con outras características. Por unha banda, centros de ensino e asociacións culturais de diversas comarcas de Galicia amosaron o seu desexo de visitar en vindeiros meses lugares de Guitiriz vencellados co poeta.

Por outra, prevese continuar co proxecto «As pegadas de Díaz Castro», promovido polo instituto da vila, que leva o nome do poeta, e orientado, co apoio da Fundación Barrié, a sinalizar un roteiro que percorra lugares relacionados co autor de Nimbos.

Xermolos traballa nun plan para rehabilitar a casa onde naceu o autor de «Nimbos»