Oinesperado falecemento de Eduardo Núñez Torrón Freijo, Dito Torrón como se lle coñecía familiarmente, ten que ser sentida entre amplos sectores profesionais e sociais, non só de Lugo, senón tamén de Galicia e doutras partes de España. Porque entre as calidades persoais de Dito estaban a súa grande humanidade, era amigo do amigo; a súa afabilidade, era un bo conversador; o seu temperamento sosegado, que o convertía nun bo conciliador ou home bo; a súa fina ironía, coa que retrataba perfectamente a determinados personaxes; e o seu don de xentes, que o fixo ser moi popular e querido.
Quizais por estas calidades foi o home que concitou adhesións para desempeñar diversos cargos en asociacións profesionais, deportivas e de lecer. Foi vicepresidente da Cámara de Comercio con Mauricio Posada. Logo da interferencia da política para controlar a entidade, ostentou o mesmo cargo con Luís Abelleira e Alfredo Mosteirín, e posteriormente foi o seu presidente.
Con Posada Veiga formou durante moitos anos o tándem perfecto, pois aínda que eran de carácter oposto, complementábanse, de maneira que durante os moitos anos que tiveron a responsabilidade de dirixir a entidade cameral, elevaron o seu prestixio, especialmente durante a transición da ditadura á democracia, dotándoa de persoal e dunha nova sé, interesándose diante das autoridades polos problemas da provincia, publicando a súa historia, e un periódico, organizado todos os anos a Feira Exposición por San Froilán, e promovendo un proxecto de Pazo de Exposicións que non se chegou a executar por que Cacharro tiña que facer o seu, e cando se fixo chegouse tarde.
Sucedeu ao seu pai como presidente da Peña Anda, unha sociedade que naceu para axudar ao Club Deportivo Lugo, e que cando xa non necesitaba o seu apoio, dedicouse ao fin benéfico de pedir todos os Domingos das Mozas unha axuda para o Asilo dos Anciáns Desamparados nunha época en que este tipo de establecementos vivían fundamentalmente da caridade, e que aínda hoxe continúa con esta finalidade. Peña que transcende o ámbito local contando con socios non só en Galicia senón tamén en Asturias e León.
No ámbito profesional relacionado coa súa actividade de xestor, dicir que é tamén o presidente do Colexio de Xestores Administrativos, dos Axentes da Propiedade Inmobiliaria e delegado en Lugo de AFIGAL. Foi un gran afeccionado ao tiro, obtendo varios premios en distintas competicións, e por iso ostentou tamén cargo na directiva da Federación de Tiro. O mesmo podemos dicir como presidente do Club Fluvial, cargos todos eles honoríficos e gratuítos que poñen de relevo a súa disposición para servir á sociedade, e a súa aceptación por ela, pero non a dunha sociedade elitista senón popular.
Non quixera terminar este recordo ao amigo Dito sen apuntar outras dúas cousas. A súa etapa de concelleiro no Concello da nosa cidade, primeiro, por moi breve tempo, formando parte con Mauricio Posada nunha candidatura Independente nas primeiras eleccións municipais democráticas que levaron á alcaldía a Novo Freire, que foron recorridas polo seu grupo e que se tiveron que repetir, e anos despois na candidatura da Converxencia Nacionalista Galega, en resposta a Cacharro por inmiscirse na toma da Cámara de Comercio, que deixou sen maioría a Tomás Notario.
E o outro apunte e unha cuestión máis íntima. Dito era un namorado da papiroflexia, nos seus petos sempre había follas de papel de distintas cores e unha pequena navalla ou tesoira para facer os cortes cos que confeccionaba flores que regalaba ás señoras, ras, elefantes e outras figuras que causaban admiración, dos maiores e dos nenos, e que confeccionaba na sobremesa dunha comida ou ao longo dunha reunión.
Polos servizos prestados altruistamente á sociedade e polo seu carácter, seremos moitos os que o teñamos presente na nosa memoria e que lle recoñecemos e agradecemos neste momento.